A gran viaxe

La Voz

CARBALLO

15 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Había unha vez un neno chamado Anxo que vivía en Vilabela, un pequeno pobo á beira do mar.

A Anxo gustáballe moito o Nadal, pero nunca vira a Papá Noel.

Un día preguntoulles aos compañeiros e compañeiras da clase se querían ir con el ao mundo de Papá Noel. Dous deles, Cintia e Paulo, contestáronlle:

-Claro, como non? Encantaríanos!

Anxo, tan contento, díxolles:

-Grazas! Sodes os mellores amigos do mundo! Tamén virá con nós Sabela, a miña irmá.

Ao día seguinte, era sábado, Anxo estaba alucinando porque, ao fin, ía ver a Papá Noel.

Anxo chamou por teléfono aos amigos:

-En tres minutos, miña nai levaranos ao aeroporto.

Cando chegaron ao Polo Norte, alí estaba a casa de Papá Noel... Pero el non estaba! Ninguén o vira nunca, nin daba cadra del!

-Xa volo dixen! -falou a irmá de Anxo. Sabía que Papá Noel non existía, pero vos non o queriades crer.

-Ahh! Pero logo, por que viñeches, Sabela?

-Para asegurarme de que todo isto é mentira -contestoulle friamente.

Anxo, Cintia e Paulo emprenderon unha difícil busca que durou días e días.

Unha fría mañá de decembro atoparon unhas pegadas na neve. Serían as botas de Papá Noel? Intentaron seguilas. Chegaron a unha fábrica de xoguetes.

-Alí está Papá Noel! -berrou Cintia.

-Non! Aquel é o presidente da fábrica -contestou Anxo.

De alí a pouco, Anxo atopou a Papá Noel. Non o podía crer! Deulle unha aperta e pediulle una autógrafo de recordo.

Cintia, tan pilla como era, sacoulle unha foto con Anxo para mostrarlla a Sabela. Papá Noel deulles moitos regalos para que os compartiran entre eles e os pobres.

Tamén lles deu unha notiña que terían que ler para todos ao chegar á casa.

O día 24 de decembro, moi felices, repartiron os agasallos e leron a notiña. Dicía así:

«Eu sempre estou nos corazóns que comparten o Nadal. Moitas apertas».

mENCIÓN eSPECIAL Carla Berbia Castro (CEIP de vilarmide)