Carlos Meixide abriu en Ponteceso os «Monólogos de Serán!»
08 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.As provincias españolas, os estados de Norteamérica, os concellos galegos ou -en honor aos seus anfitrións de onte- os lugares de Ponteceso. Todo cabe na cabeza de Carlos Meixide. Mesmo a improvisación, especialmente útil e necesaria cando a un lle toca lidiar cun público composto maioritariamente por rapaces ansiosos por meter baza. Como cando unha pequena engadiu «¡...e unha praza de Santiago!» mentres Meixide trataba de explicar que é, segundo a Real Academia Galega, un obradoiro.
Así, con algunhas interrupcións a cargo dos máis cativos habilmente sorteadas por Meixide foi avanzando a divertida sesión inaugural dos Monólogos de Serán!, que iniciaron onte no xardín da Casa de Valdés (fogar familiar dos Pondal) un percorrido que os levará en datas próximas ata outras oito localidades de toda Galicia.
«Non sei por qué está triste Cristiano Ronaldo, se para ser de Madeira mirade o áxil e flexible que está», ou -en relación á xa famosa restauradora do eccehomo de Borja- «a ela pedíronlle un Cristo e foi o que fixo» foron algunhas das referencias á actualidade deste espectáculo cheo de xogos de palabras no que tampouco faltaron os guiños a Ponteceso: «Terra de grandes percebes e de poetas como puños». «A Coruña, esas casas que hai tras o Marineda City», a razón pola que os monólogos son tradicionalmente nocturnos -«senón serán diálogos»; ou as marabillas de Europa (incluída a «Torre Infiel» de París) tamén contribuíron a arrincar as risas dos presentes, mesmo dos pequenos. Tamén se gañou ao público co resultado dalgunha das fusións que fixo entre o nomenclátor e o refraneiro: «El que calla Astorga» ou «En Ponferrada non entran moscas».
Recital en Corme
O público premiou a Meixide con numerosos aplausos, coma os que se puideron escoitar tamén na Fundación Torre-Pujales, en Corme. Alí non houbo gargalladas, pero si sorrisos de satisfacción nas facianas dos espectadores do recital poético musical do grupo Ouriol.