«Traemos unha edición especial da Historia de Galicia»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

O responsable en Montevideo do programa en galego máis antigo do mundo visita hoxe o Concello de Carballo

26 jun 2012 . Actualizado a las 07:01 h.

Antonio García de Seárez, a quen todo o mundo coñece como Toni de Seárez, é o director do programa de radio en galego máis antigo do mundo, Sempre en Galicia, que se emite en Montevideo, onde reside dende hai 34 anos (naceu en Sofán en 1947). Con frecuencia acude á súa localidade natal, e faino estes días, coincidindo coas festas. Onte pola tarde estaba en Ourense, pola noite chegou a Carballo e hoxe ten unha recepción co alcalde, Evencio Ferrero.

-¿Cal é o motivo da visita ao Concello?

-Traemos unha edición especial da Historia de Galicia, unha edición que se publicou entre os anos 1943 e 1956, da que non hai moitos exemplares. Son tomos grandes (os tres pesan nove quilos), moi ben elaborados, con firmas de todos os grandes escritores galegos da época, que se deixaron de editar por diversos motivos, entre outros que ninguén tiña os dereitos. Tamén estaba previsto que se escribisen doce tomos, pero ao final quedou en tres. O prólogo de Vicente Risco xa ocupa 135 folios. É unha obra moi interesante.

-¿Quen fai o regalo?

-Faino o Padroado da Cultura Galega en Montevideo, que eu presidín en varias ocasións, e que agora o fai Ana Lorenzo. Por certo, outra oriúnda de Carballo, dunha casa na praza, a poucos metros do Concello. En Galicia hai moi poucas institucións que teñan estas obras. A Fundación Castelao, a Real Academia Galega... Pois tamén agora a biblioteca municipal de Carballo vai ter estes exemplares.

-Non será casual que Carballo sexa o Concello galego con máis emigrantes en Uruguai.

-Non só iso, senón que unha das persoas que poñían cartos para esta edición da historia era José Añón, natural de Bergantiños, fundador da compañía Cutcsa, que tamén chegaría a ser presidente do Nacional de Montevideo. Era un home que sempre axudaba a quen llo pedía, pero a cambio solicitaba que non se fixese pública esa axuda.

-Ten vostede comentado que aspira a que en Montevideo haxa unha rúa dedicada a Bergantiños. ¿Como vai esta iniciativa?

-Seguimos aí, estamos traballando nesta e noutras moitas ideas que temos. Hai que intentalo, aínda que as cousas non sempre van tan rápido como un desexaría. Son temas que levan o seu tempo, pero nós tamén temos moito.

antonio garcía de seárez director de «sempre en galicia»