Polpas con valor engadido

Héctor Pose

CARBALLO

As persoas que se declaran artesás de Caión a Fisterra, de Malpica a terras interiores de Soneira, constitúen un pequeno sector de actividade económica que colaboran no desenvolvemento local. Eles e elas contribúen significativamente a imantar visitantes e a caracterizar socioculturalmente este territorio de mar, barro, pedra e teas nobres. Certo, son apenas un tecido invisible, a miúdo difícil de localizar na sinalética urbana, que semella fráxil e que está conformado por minúsculas unidades produtivas que padecen insuficiencias estruturais: a nivel financeiro, fiscal, de formación e comercialización? Posúen carencias en dominios como a xestión, as novas tecnoloxías, as estratexias de promoción ou a cultura do traballo colaborativo. Algunhas dubidan e mesmo fenecen no diálogo inzado de tensión entre tradición e modernidade, entre o valor patrimonial e a innovación, todo co obxectivo de adaptar as producións ás esixencias da vida actual.

Tamén as actuais inclemencias fan abanear a este colectivo. Acenicadas pola crise, as pólas máis febles, por falta de acaído apoio institucional ou por dubidosas capacidades artísticas dalgúns dos seus membros, van sendo fagocitadas. Así como a indiferenza dos administradores públicos perante as artesanías é denunciable por miopía política, tamén o é o excesivo proteccionismo por parte destes. Acubillar iniciativas por costume ou porque de quen vés sendo, acaba por ser inxusto, inútil e pecha camiños a quen, de verdade, posúe nas súas súas mans un don singular.

Mais, dubida o lector por que alentar a tales profesionais? Inquire que razón hai para investir recursos públicos nestas pequenas e medianas empresas nomeadamente? A resposta apela ao sentido común. Porque aniñar o talento, promocionar a creatividade, vender estética que bebe con respecto dos patrimonios herdados ou singulariza as nosas paisaxes actuais, é sinónimo de intelixencia e sensibilidade cívica.

A artesanía de valor, aquela que se afasta do simple souvenir, acóplase ao paso do tempo con mestría. De feito, nos obradoiros impera a xerarquía de saber e non a autoridade de poder.

Defendamos, como dicía o sabio Octavio Paz, ao produto artesán honesto, aínda que sexa pola necesidade de nos protexer da uniformidade que a técnica en serie infunde a todo e a todos.