Oque comezou coa mala nova da renuncia do Carballo Basket a disputar por sexto ano a liga EBA, parece que se encamiña agora a ser unha boa tempada para o baloncesto de Carballo e de toda a comarca. O equipo sénior do Carballo Basket está preto de asegurar a súa presenza na fase de ascenso á Primeira División, o que suporía un gran resultado para o equipo, formado na súa totalidade por xogadores de Carballo. A mestura de xogadores novos, que disputan moitos minutos con outros compañeiros máis experimentados, que seguen a demostrar a súa calidade, amor polo baloncesto e fidelidade ao club, non fai máis que reforzar a difícil decisión tomada a comezos de tempada pola directiva do club.
Nas outras categorías, o júnior masculino do Artai acaba de conseguir moi brillantemente o ascenso á Primeira División para a próxima tempada, asegurando a presenza nos polideportivos carballeses dos mellores xogadores galegos da categoría, o que supón unha boa nova para calquera amante do baloncesto. A presenza do Artai e do Carballo Basket, noutras fases de ascenso, vén a demostrar a boa saúde do baloncesto local, e o seu nivel para competir cos mellores conxuntos a nivel autonómico.
Na nosa comarca, o bo traballo que se está a realizar noutras localidades, demóstrase no ACB Costa da Morte, que pode manterse na Segunda División sénior masculina, e ben de clasificar o seu equipo cadete feminino para a disputa do ascenso. Ademais, a chamada para as seleccións coruñesas de varios xogadores e a presenza de Enrique Melini no campionato de España alevín permítennos pensar que o baloncesto desta zona ten un gran futuro por diante.