Un biólogo baiés, neto dun gardarríos, é o novo máximo responsable da entidade deportiva e proteccionista
17 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.A marcha da anterior directiva de Río Mar animou a un grupo de amigos a dar un paso adiante para asegurar a continuidade desta activa entidade baiesa. De todos eles «un tiña que ser presidente» e a responsabilidade recaeu en David Gómez Brandariz (Baio, 1974), un biólogo de profesión vencellado ao río Grande desde moi novo -posto que o seu avó foi o seu gardarríos durante máis de dúas décadas- e que pese a traballar na Mariña lucense volve cada fin de semana á súa vila natal para gozar del.
-¿Que proxectos ten en mente?
-Gustaríanos continuar co traballo da directiva anterior, porque todo o mundo está contento co que fixeron. De momento estamos coa toma de contacto e temos que falar coa consellería a ver que se pode facer, e que non, no río, e colaborar con eles no que sexa posible.
-¿A que se dedica a entidade?
-Basicamente somos un grupo de amigos, cada vez máis numeroso, iso si, que se empezou a montar con xente ribeireña, aínda que hoxe hai xente de toda a comarca e mesmo de Santiago e da Coruña. Somos unha entidade colaboradora coa Xunta e por iso nos centramos no río, pero se a xente quere que nos involucremos máis en actividades no mar será un novo reto.
-¿Cal é a situación actual do río?
-O de Baio non está moi contaminado se o comparamos con outros como pode ser o Anllóns, pero si hai contaminación e nótase en que as troitas van a menos. Pero iso xa é algo que se nos escapa a nós, que é cousa da Administración, coma son os vertidos. Nós facemos actividades de limpeza das marxes, de retirada de maleza, colocación de sinais... E tamén nos gustaría facer cursos, sobre todo para xente nova, e fomentar a pesca sen morte, a cola de rata.
-¿A xente implícase activamente?
-Gustaríanos implicala máis á hora de ir limpar o río porque dos 118 socios estamos indo normalmente menos da metade.
-¿Quen pode participar?
-Calquera veciño ao que lle guste o medio ambiente e que sexa pescador, ou non, e que teña ganas de traballar, aínda que estamos mirando de evitar que non haxa demasiada xente polo tema do número de permisos.
-¿De onde lle vén esta afección?
-A paixón pola pesca débolla toda ao meu avó, que foi o gardarríos en Baio durante trinta anos. Foi el quen me inculcou que me sinta atraído pola natureza e polo río. De feito a miña actividade laboral tamén está relacionada co auga, son biólogo, e xa desde pequeno andaba no río co meu avó.
-¿Que lle aporta ese mundo?
-O que busco é tranquilidade. Aínda que non pesque non me enfado porque o que me gusta é o contacto coa natureza.
-Cal é o futuro deste deporte.
-Tal e como están as cousas, a pesca sen morte.
david gómez presidente da asociación río mar