«A situación do IBI non é un tema menor, pero si complexo»

CRISTINA ABELLEIRA CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Esta noite defenderá o seu proxecto de orzamentos ante a corporación

01 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

En pleno debate político sobre os orzamentos do 2012, que esta noite vai debater a corporación municipal, xurdiu a polémica pola repercusión que vai ter a recente anulación do PXOM na clasificación de determinados solos e, en consecuencia, na súa valoración catastral, que é fundamental á hora de cuantificar o recibo do IBI. A concelleira de Facenda, Belén Lendoiro Esmorís, terá que dar moitas explicacións no pleno de hoxe.

-¿Como afectan aos contribuíntes as modificacións do IBI tras a anulación do PXOM?

-Dende o Concello estamos a traballar na valoración das zonas afectadas e buscando a fórmula legal que nos permita que ninguén saia prexudicado. Hai quen di que ao mellor había que dar de baixa os recibos de oficio, pero tamén hai técnicos que dubidan de que iso se poida facer. Tamén hai quen di que había que telo previsto, pero non ten sentido. ¿En base a que fas unha ponencia parcial? ¿En que momento? É unha situación complexa, pero o Concello vai poñer todos os medios que teña á súa disposición para que o cidadán teña toda a información que precise en cada momento.

-¿Non se sabe, daquela, cal é a incidencia desta situación?

-O debate xérase no contexto do debate dos orzamentos. O IBI é un imposto que ten, por lei, que cobrar o Concello, e xa se fixo unha previsión moi prudente tendo en conta varios elementos: en primeiro lugar, que hai un aumento do padrón consecuencia da revisión do 2008; en segundo lugar, non se ten en conta o efecto da suba decretada polo Goberno, e ademais hai unha previsión á baixa derivada precisamente da situación creada pola anulación do PXOM. Por iso mantemos unha previsión prudente. Con iso non quero dicir que sexa unha cuestión menor, senón todo o contrario, porque afecta a un ingreso fundamental para o Concello, pero, sobre todo, porque afecta ao contribuínte. O que si é certo é que é unha cuestión complexa.

-Aínda que o pleno se celebra hoxe, parece que o peixe está vendido dende hai días. ¿Que pensa do que se está a dicir dende un sector da oposición?

-Estamos nun contexto económico que non podemos obviar, nunha recesión económica que supón, dende a responsabilidade do goberno, que hai que ser moi prudente á hora de presupostar as previsións dos recursos que imos ter, e dende logo hai que ter en conta as cuestións que son fundamentais para o funcionamento do Concello e aplicar uns criterios políticos para establecer as prioridades, que neste caso son as áreas de benestar, que sobe un 20 %; a de formación e emprego, que se incrementa moitísimo porque, entre outros proxectos, está a dinamización do Fórum, e a de promoción económico, que aumenta un 60 %.

-TeGa e PP critican o aumento dos gastos en bens correntes e servizos.

-O capítulo 2 divídese en varios bloques, e o que se incrementa é o apartado de gastos asociados a concesións e contratos, no que figuran o servizo do lixo ou o de auga e saneamento. En todos os demais -arrendamentos, reparacións e mantementos, materiais e suministros, gastos diversos derivados das distintas áreas-, baixa. Polo tanto, o capítulo 2 si que sobe con respecto ao ano pasado, pero sobe nun apartado que non podes reducir, porque non vas prescindir da concesión do lixo.

-E redúcense as subvencións para festas, que tamén entran na súas competencias.

-Eu, como responsable da concellería de Festas asumín un recorte importante que se aplica a todas as festas, tanto do casco urbano coma do rural, incluído o San Xoán, que é a festa de todos, de todo o municipio. Pero iso non quere dicir que se eliminen as axudas, porque hai outro tipo de colaboración, como a infraestrutura técnica ou o convenio de actuacións, que como non está cuantificado parece que non é un gasto.

belén lendoiro esmorís edila de facenda, patrimonio, participación social e festas