«Non é só o PP e o BNG, somos sete persoas nesta moción»

A futura alcaldesa cre que a situación en Cee non era sostible


cee / la voz

A vida estalle a cambiar a pasos rápidos a Zaira Rodríguez Pérez (Cee, 1974). Hai pouco máis dun ano estaba practicamente esquecéndose da política. O seu ciclo parecía rematado despois de ter sido concelleira de Servizos Sociais con Antonio Domínguez e despois de ter pasado todo un mandato na silenciosa bancada da oposición popular. Ata que nunha especie de carambola interna acabou sendo candidata e portavoz da súa formación. Non o tiña pensado, outros escollérona para o cargo e non o rexeitou. Non gañou, quedouse con catro concelleiros, pero viva politicamente nun Concello no que Ramón Vigo non tiña maioría. Ela tiña a chave da alcaldía.

Non callou ao primeiro envite, porque entón tanto o PP coma o BNG querían a alcaldía. Polo camiño converteuse, tamén sen pedilo, en deputada provincial. E finalmente o BNG local aceptou que fose o PP, con máis votos, o que levase o mando. E ese foi o último paso, a presentación dunha moción de censura que, salvo milagre, levaraa dentro nunha semana a ser a primeira alcaldesa da historia de Cee.

-¿É fácil unir a BNG e PP para formar goberno?

-Xa non se trata de BNG ou PP nin de PP e BNG, senón dunha moción que secundan sete persoas, cun respecto común e confianza na base deste pacto.

-Un pacto non confirmado hasta o venres pero coñecido desde hai semanas.

-Non era un segredo. Hai xa moitos meses que puxemos de manifesto a nosa desconformidade coa xestión do alcalde. Entre os últimos problemas, a demora na apertura da nova gardería, as taxas desorbitadas, a perda de subvencións, as débedas que non sabemos a canto ascenden e do feito de que non se faga nada por reducir os gastos. Iso, e ter os presupostos prorrogados cando as contas son a ferramenta máis importante para poder traballar.

-¿Foi a moción algo visceral ou levaban tempo pensando nela?

-Foi algo moi pensado e moi consciente. O xogo democrático permite este tipo de pactos. El mesmo -Ramón Vigo- xa pactara co PP e co PSOE. Ten que entender que non é algo persoal, é unha xestión a que non nos convence. Non entendo os ataques sobre presuntos beneficios. ¿Que beneficio persoal é ese que imos ter?

-¿E as diferenzas ideolóxicas?

-Querémonos organizar da mellor forma posible. Con comunicación e na mesma dirección. Aparcaremos as diferenzas ideolóxicas. Non entendo por que hai partidos que poden pactar con todos é nós non. Somos sete persoas e podemos chegar a acordos.

-¿Como senta a posibilidade de se converter na primeira alcaldesa de Cee?

-É como cando me nomearon número un do partido. Sentes un enorme orgullo por representar non só a un partido, senón a todo un pobo. Ledicia, pero tamén unha grande responsabilidade. Quixera facer as cousas ben sabendo que as circunstancias non son as mellores. Pero para algo nos metemos na vida política, para tentar solventar os problemas aos nosos veciños.

-¿Como se urdiu a moción?

-Non foi algo presentado con nocturnidade. Levamos facendo un labor constante de oposición xa desde o final do pasado mandato, una oposición construtiva. Demos un amplo marxe a este goberno e vimos finalmente que as cousas non melloraban. Hai dúas forzas con sete concelleiros e ideas semellantes, que temos como obxectivo loitar por Cee. Unha moción entra dentro do xogo democrático. E non é nada persoal, Vigo pactou con diversas forzas.

-¿Que é o que non lles gusta do goberno que lidera Vigo?

-Entre outras cousas, non houbo o diálogo que debería haber coa oposición, e que hai facturas nos caixóns. Perdéronse subvencións de cousas como emerxencia social, que non é calquera asunto. Hai familias tamén en Cee con poucos recursos.

-¿Xoga algún papel o PSOE en todo isto?

-Ao PSOE invitámolo a sumarse, pero é algo que teñen que decidir eles.

-¿Non sona algo estrano un pacto entre PP e BNG?

-Non é o primeiro caso en que os dous partidos se xuntan. O que aparcamos son as nosas diferenzas ideolóxicas para loitar xuntos por Cee. Os sete témolo moi claro. O que nos une é Cee, e no pacto primará o sentido común, o respecto e a coordinación.

-¿Que farán coas dedicacións unha vez no goberno?

-Creo recordar que o alcalde ao principio do mandato propuña unha dedicación duns 75.000 euros en total. Nós non o permitimos entón e non imos cambiar de opinión agora. Poderá haber algunha, pero nunca pasarán, na súa suma, o salario que actualmente cobra o alcalde. Este non é un pacto de soldos. Non necesitamos a política para comer. Estamos aquí para facer algo para o noso pobo.

-¿Que pensan modificar do feito ata o de agora?

-O primeiro que queremos é máis transparencia na contratación, tanto obras como persoal. Sei que os cartos non darán para moito, pero se hai oportunidades de emprego, que todos teñan as mesmas oportunidades.

-¿E que obxectivos se fixan para os tres anos que quedan de mandato?

-Pois entre outras cousas queremos rematar dunha vez a Casa da Cultura. E manter os servizos e melloralos. Todo iso sabendo as carencias que hai. E a gardería, que leva oito meses de retraso, abrirá. Para nós non é un luxo, é un servizo esencial para os veciños.

zaira rodríguez pérez portavoz do pp de cee

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos

«Non é só o PP e o BNG, somos sete persoas nesta moción»