Xa estamos en pleno setembro. Alá se foron os turistas cargados co seu síndrome postvacacional a costas e o verán vai quedando atrás espallado detrás das borraxeiras coas que estes últimos días espertamos. Non sei por qué setembro nos volvemos a todos un pouco más tristeiros, incluso os que traballamos a tope nos meses da canícula parece que temos tamén esa depresión global do outono, iso que debíamos estar máis alegres e contentos porque polo menos non imos traballar tanto, e poderemos gozar da casiña lendo ou ollando a tele ben quentiños no sofá debaixo dunha mantiña. Eu non sei por qué me dá que o noso estado de ánimo en setembro está como o tempo, e así atopámonos melancólicos cas néboas da mañá, medio eufóricos ca cervexa e o sol de medio día, cansos co vento da tardiña e de novo abatidos polo frío e pola cada vez máis pronta chegada da noite.
O certo é que aterramos de novo á pura e dura realidade, e que cando abrimos o xornal xa non imos directamente á páxina do tempo para saber se o sol quentará ou non, nin para coñecer como estará a temperatura da auga na praia da Langosteira, ou cal será a festa que escolleremos para tomarnos un chanqueiro. Non. En setembro de novo volvemos ao máis cru dos seus titulares e chocamos outra vez co cruel muro da «puñetera» crise; con que o número de parados segue subindo, con que Grecia está máis en ruínas que os seus propios templos, con que nós xa non sabemos nin como estamos, con que os educadores están indignadísimos porque traballan máis que un gransoleiro, con que Felipe di que estamos ao borde do abismo, con que en Francia estoupou unha central nuclear, pero todo está controlado, con que as bolsas caen en picado, con que os equipos de fútbol están endebedados ata as entrañas, pero que seguen facendo contratos millonarios, con que nas cidades hai xente honrada e traballadora remexendo nos cubos do lixo, conque paliar a emerxencia humanitaria costa dez veces menos que rescatar unha entidade bancaria, con que de novo os galegos volvemos a coller as maletas para emigrar ás Suisas, con que son tantos a chupar do teto que agora xa non é un, senón dous, os ministros que veñen a botar as primeiras pedras, e con que, como di un dos meus amigos, con isto do euro e tanto capitalismo e tanta democracia, estámosche moi ben, pero ao final quen as paga sempre somos os parroquianos.
Si señor, aínda que pareza mentira a estes últimos confíns do mundo tamén nos chega, en setembro o síndrome «post-veraniego», e dáme a impresión de que os mariñeiros tamén sofren, aínda que non teñan vacacións, igualiño que os camareiros, ou os albaneis que constrúen paradores, porque todos eles, por máis que vivan nunha crise perpetúa, tamén senten a fuxida do frenético verán e a chegada do recollido inverno.
Pero aínda así, sempre topamos, como di o poeta, «unha luz que renace das queixas», ou algunha sinxela cousa que nos faga sorrir ou soltar unha gargallada. No meu caso, como un oasis de graza nestes primeiros días depresivos de setembro foi a misiva dunha peregrina americana que estivo o outro día no bar.
A señora a penas falaba castelán, así que todo era dicirme «i love your bar», «very good music» e cousas polo estilo. O conto é que polo que se podía ver a mulleriña gozou «de lo lindo», así que á mañá seguinte, no meu libro de visitas atopeime co que sigue:
-«When Quando escuacha la musica de Bob Dylan, Hurricane, da questo bar lo entra contento. Es il mio mucho mas favorate, particulare Bar in Espagne, mucho precioso. Jie. USA».
Así que pensei que a pesar de que esteamos en setembro, do síndrome postvacacional, da depresión, da crise e de toda a negatividade ca que te atopas nos xornais e no televexo, é unha ledicia comprobar que aínda hai xente que intenta facerse entender coma poda. E iso, seméllame a min, tal como están os mundos, é unha cousa que che fai un pouco máis feliz, e por iso cóntovolo.