O exfutbolista Manolete, que foi internacional co xogador coruñés, eloxiou o libro sobre o único Balón de Oro español
28 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Na súa recta final, a Praza dos Libros volveu a reunir onte en Carballo a moitos afeccionados á literatura, pero tamén ao fútbol, xa que o prato forte da mañá foi a presentación do libro Luis Suárez. Fútbol de seda, do historiador carballés Xan Fraga. «Unha máquina», tal e como describiu ao autor o convidado de honra do acto, o exfubolista Manuel Ríos Quintanilla, Manolete, que chegou a xogar partidos internacionais co protagonista do libro. Ademais de Manolete, ao acto asistiu tamén outro exdeportivista, o carballés José Luis Pose, que coincidiu cos seus compañeiros de mesa ao sinalar que «Luis Suárez foi un grandísimo xogador, pero, o máis importante é que, ante todo, é unha grandísima persoa».
«Luis fue un maestro de futbolistas», asegurou Manolete, quen lamentou que o único español co Balón de Oro «no le diesen el valor que realmente tiene en su propia tierra». Un erro, engadiu o presidente dos veteranos do Deportivo, que Xan Fraga ven de resolver. «Su libro es magnífico», dixo, tras reiterar unha e outra vez a súa admiración ao escritor. «Cuidadlo bien, porque es una máquina», insistiu Manolete despois de que Xan Fraga dese unha lección maxistral sobre a historia do fútbol e amosase, para asombro de Manolete, todos os cromos de Ríos Quintanilla como xogador do Deportivo. «¡Ni yo los tengo!», riuse o convidado, feliz, de que, «por fin» lle devolverán o éxito merecido ao mítico Luis Suárez.
PRAZA DOS LIBROS CARBALLO