Traba valora o influxo do Camiño en Fisterra, pero lamenta determinadas políticas excesivamente proteccionistas en torno á Ruta.
-¿Que problema ten o Camiño?
-O Camiño é o que está a parar o PXOM. O problema do Camiño é que tiña que estar deslindado en 1998 e aínda non está. Falan de camiños históricos en Fisterra pero nin Patrimonio sabe cales son. Ademais, a delimitación provisional non coincide coa real e o complicado é que nos mandan recoller oito posibles camiños históricos. Así, afecta ao desenvolvemento de 19 dos 22 núcleos que temos.
-Pero algo terá de positivo.
-O Camiño é algo a potenciar, pero debería haber un tratamento integral do territorio, non tanto marcar liñas como tendencias. Por exemplo, non é normal que Costas non che deixe tocar unha conserveira e que acabe caendo, pero que 20 metros máis alá se poidan levantar cinco alturas. Habería que mirar as cousas máis en conxunto.
-¿É posible facelo?
-Queremos que se senten todas as Administracións e departamentos implicados no PXOM para chegar a un consenso e establecer tendencias para seguir adiante.