Un mes despois de pasar por Pazos (Ponteceso), a eurovisiva Lucía Pérez (O Incio, 1985) regresa á bisbarra para animar unha nova celebración. Esta noite será o público que acuda á localidade zasense de San Cremenzo de Pazos o que poderá gozar dun espectáculo no que, segundo promete a artista -que onte mesmo estivo en Madrid cantando no Día do Orgullo Gai, a xente poderá pasalo moi ben.
-Semella que ten moitos fans nesta comarca.
-Iso parece. Aí demos o primeiro concerto da tempada e aí volveremos a actuar mañá [por hoxe]. En Ponteceso a xente pasouno moi ben e espero que esta vez tamén o faga.
-¿Qué tipo de espectáculo poderá ver o público?
-Temos dous formatos. Un máis acústico, que é o que levaremos aí, e outro con banda. Depende da cuestión económica, pero as gañas que lle poñemos son iguais nos dous casos. Para min subirse a un escenario xa é un premio e eu trato de demostrarllo á xente en cada actuación.
-¿Nótase moito o seu paso por Eurovisión na acollida que ten entre o público?
-Si que se nota. Ampliouse o tipo de público que vén aos concertos, agora hai máis xente nova e a relación é moi boa. A canción é moi divertida e á xente gústalle bailala e cantala. Nos concertos interpreto temas propios, pero tamén algunhas cancións galegas e facemos un recital moi ameno. A esencia é que a xente goce co que fas.
lucía pérez cantante