O brinde de Batanciño

Manuel Suárez Suárez

CARBALLO

Oúnico fillo da familia Batán do Mosquetín leva varios anos sen falar con ninguén. Non abrindo a boca responde ao desprezo de máis dun século de esquecemento. Lembra que o seu último sorriso foi cando os seus amigos Ramón, Roberto e Xosé María andaban entusiasmados nun proxecto para que a loitadora familia bataneira de Salto fose novamente un activo motor de progreso no retrasado Concello de Vimianzo.

Aquela razoada proposta de tres namorados da industria artesá non foi tida en conta pola Deputación da Coruña. Houbo, en cambio, luz verde para unha trangallada que presentou unha chafalleira asociación de intermediación. O premio foi para os intermediarios sen currículo mediante unha decisión persoal do presidente provincial.

Polo val de Vimianzo o alcalde non fixo comentario ningún, porque é home de palabra e mantén o seu ilustrado pensamento de que as madeiras e os paus vellos -sexan de carballo ou de piñeiro- son bos para queimar na cachela de San Xoán. Aínda hai quen recorda cando berraba entolecido polo patio do castelo que non quería mortos. ¿Mortos?

A Deputación quería asinar un convenio de colaboración para a posta en valor do histórico castelo medieval e dos antigos e valiosos batáns. Pero o alcalde consideraba que era unha carga, é dicir, un «morto», xa que logo tería problemas para cumprir cos pedimentos de emprego para a filla do tío do veciño que disque votou por el.

O pasado domingo 22 de maio, Batanciño fixo un brinde con auga do río Grande. A súa invocación foi dirixida ao novo alcalde para que actúe con sentidiño e se responsabilice da promoción do patrimonio cultural municipal que está a ser comesto polas silvas. Quere unha decidida implicación do Concello na recuperación do vello fogar bataneiro para que axiña se converta nun centro europeo de referencia sobre a esforzada profesión daqueles homes e mulleres que nos quecían os corpos nos longos invernos de outrora.