Hoxe, mentras uns reflexionan como principes de Dinamarca sobre a quen votar ou non votar, esa é a cuestión, e outros acampan nas portas de Sol de todas as cidades españolas co anceio dunha Spanish revolution que se estenda por todos os territorios da vella Europa, eu, sumerxido no mundo da miña pequena Fisterra, alédome de que por fin e definitivamente, a UE ratificara ao meu pobo, como Patrimonio Cultural Europeo, galardón que ao meu entender nos recoñece e sinala como auténtico, verdadeiro, e último Finisterre das Fisterras europeas.
Non sei se serán moitos os que se preguntan o porqué deste recoñecemento, do que tan só son posuidores outros tres enclaves españois. Pero, ¿que aporta este anaco de terra á cultura europea? Posiblemente habería que preguntarse en primeiro lugar que é o que entendemos por cultura. Posiblemente haberá moitas definicións sobre o significado desta palabra pero eu agora quero referirme a unha declaración que sobre o termo fai a Unesco nun texto de 1982 e que entre outras cousas dí: «A Cultura dá ao home a capaciade de reflexionar sobre si mesmo. É ela a que fai de nos seres específicamente humanos, racionais, críticos e éticamente comprometidos. A través dela, o home toma concencia de si mesmo, recoñécese como un proxecto inacabado e crea obra que trascende».
Impacto emocional
Se hai algo que verdadeiramente lle dá ao home a capacidade de reflexionar sobre si mesmo, que o fai específicamente humano e o recoñece como un proxecto inacabado, é o impacto emocional que nos causa a imponente e misteriosa beleza que a paisaxe de Fisterra nos ofrece. Unha paisaxe que nos sorprende, asombra, emociona, que nos libera e nos achega a Deus. Unha paisaxe que non deixa a ninguén indiferente, que dá fin á terra e lévanos a través dun mar infinito ao máis fondo de nós mesmos. Iso é a Fisterra, o Finisterre: un lugar que dende o principio dos tempos o home buscou seguindo o camiño do sol para chegar hacia si mesmo. Creo que isto é o que nos diferenza, é o que o cristianismo recolleu para, a través do Camiño de Santiago, ir construíndo realmente unha columna vertebral que artellara todas as ansias e os afáns que o home europeo anceiaba.
Dende o primeiro camiño das estrelas que nos levaban ata a morte do sol, pasando polos tempos medievais nos que infinidade de viaxeiros chegaban ás nosas praias, ata o moderno peregrino que, buscando a súa propia identidade chega a Fisterra, o fin foi sempre o mesmo: buscar respostas para as preguntas que máis nos trascenden. Posiblemente iso é o que fai que Fisterra sexa un ben común para calquera cidadán europeo. E é por ilo polo que debemos protexer esta terra, mirar con lupa calquera proxecto. E por ilo polo que debemos ter moitísimo coidado coa nosa paisaxe, tendo moi en conta que cada pedra, regato ou vello camiño son parte xa do patrimonio cultural da nai Europa. Fisterra non necesita máis agresións. Non necesita máis beleza para que a súa beleza se manteña viva.
Estas cousas son as que se me dá por pensar hoxe a min, pobre tabernícola fisterrán, que neste día de reflexión, non pensa nos votos como os Hamlets da política nin tampouco, polo momento, das hispánicas revolucions das portas do sol de pobos e cidades, máis que nada porque hoxe, un, o único que está, é ledo e orgulloso de que Fisterra sexa Patrimonio Cultural Europeo ou, como din centos e centos de viaxeiros que se achegan o meu bar, un very, very, very special place (un lugar moi, moi especial).