A Asociación de Mulleres pola Igualdade de Camariñas, que preside Karina Vázquez Romar (Suíza, 1979), programou para a próxima semana unhas Xornadas de Experiencias de Mulleres de Emprendedoras coas que tratará de fomentar o autoemprego e a igualdade.
-¿Cal é o obxectivo desta iniciativa?
-Queremos fomentar e impulsar a formación das mulleres no entorno rural e propiciar que se xunten para loitar por mellorar as súas condicións de vida e lograr a igualdade. Coas xornadas o que buscamos é que poidan emprender calquera negocio porque aínda que na bisbarra xa hai numerosas mulleres traballando aínda quedan moitas que están restrinxidas ao ámbito do fogar.
-¿Neste senso, a situación na Costa da Morte é mellor ou peor ca noutras bisbarras?
-Estamos máis ou menos igual que noutras zonas, non creo que haxa moitas diferenzas. Hai unha igualdade aparente, pero que non é real porque aínda que levamos xa moito camiño percorrido, queda moito por andar. De feito se houbese igualdade non farían falta asociacións coma a nosa.
-Pola ampla relación de invitadas ás xornadas, vese que si hai emprendedoras na zona.
-Así é. Nós buscamos algúns casos representativos de mulleres que montaron as súas propias empresas ou se fixeron cargo dos negocios familiares para darlles voz e permitir que compartan a súa experiencia e os seus consellos con outras emprendedoras.
-¿Cales son os obstáculos que ten que superar unha muller que quere montar un negocio?
-Un dos principais, aparte da cuestión económica que nestes tempos de crise afecta tamén aos homes, é o da conciliación da vida laboral e familiar porque o traballo na casa aínda recae, no 90% dos casos, sobre as mulleres.
-¿Como se loita contra isto?
-A educación é moi importante. Desde pequenos temos que educar aos nosos fillos e fillas na igualdade, pero tamén é preciso traballar noutros eidos como poden ser o das garderías e outros servizos que axuden á conciliación. Avanzouse, pero falta moito por facer.
Venres 8 e sábado 9
Durante dous días celebraranse na Casa de Pedra de Camariñas charlas e mesas redondas sobre as mulleres emprendedoras.
Inscripción
Están abertas a todas as mulleres, pero deben anotarse previamente: 690 337 846 e 981 736 404 ou mullercamarinas.igualdade@gmail.com.