Leva 16 anos como xerente dun centro educativo que mañá celebrará medio século de existencia
11 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O Manuela Rial Mouzo de Cee é un colexio que este ano festexa o seu primeiro medio século de existencia. Boa parte dese tempo pasou nas aulas o actual director, Isidro Caamaño Trillo (Ameixenda, Cee, 1952). Empezou hai 33 anos como mestre de inglés e desde hai 16 ocupa a máxima responsabilidade nun colexio dependente da Fundación Marcelo Castro e que funciona de xeito concertado.
-¿Como cambiou a xuventude en todo este tempo?
-Eu non noto tantos cambios nos rapaces, son tan responsables como antes, o que pasa é que hai que darlles responsabilidades e teñen que saber que hai obrigas e deberes. Nós tamén intentamos formar en valores.
-¿Como levan no Manuela Rial o do fracaso escolar?
-Nós, como todos os centros, fomos avaliados. En comprensión lingüística a media galega está en 500 no informe PISA, aquí tempos 612. En matemáticas, a media tamén é 500 en Galicia e nós chegamos a 639 puntos. Nós non temos problema de fracaso escolar. Estamos moi por enriba das medias.
-Moitos ex alumnos non perden o contacto co seu colexio.
-Cando celebramos o 40 aniversario xuntáronse máis de 700. O acto de mañá é máis institucional, pero espero que nalgún momento podamos facer algo para reunilos de novo.
-¿Como empezou vostede a traballar no Manuela Rial?
-Empecei como profesor de primaria, dando inglés, en 1976. Xa estivera antes da mili un tempo no Apóstol Santiago dando inglés. Alí, ademais, fundei unha coral. En Cee ofreceron dúas prazas e, ademais, buscaban a alguén que montara unha coral, e así empecei eu, dando clases de inglés e de ximnasia. En 1977 fundei a coral do colexio.
-¿Como evolucionou o centro en todos eses anos?
-Fisicamente non cambiou moito, porque o fundador tivo unha boísima visión, si se fixeron algúns cambios para adaptar as instalacións aos cambios educativos.
-¿Como definiría ao Manuela Rial?
-Nós o que facemos é dar unha formación integral partindo dun enfoque cristián da vida. Esa é a cimentación básica do ideario, que tamén se reflexa no lema, «estar alegres e facer o ben».
-¿Como ve o futuro da institución?
-Nós buscamos sempre mellorar, cun clima extraordinario entre o profesorado e o persoal non docente, todos eles identificados co centro. Non dubido que se poida ampliar a oferta educativa, por exemplo con ciclos formativos.