A min e máis ao meu amigo Pepe levábanos moita idea pintar o indio, pasalo ben, cantar, bailar... El cantaba e canta moi ben, eu facíalle os coros, e púñalle as letras, sempre picantonas, ás cancións que cantabamos. Eu, ademais, acompañábao facendo música coa boca. Sempre animábamos as xuntanzas de amigos.
Un día decidimos facer a nosa actuación nun palco dunha festa, aproveitando o descanso dos músicos. Foi nunha aldea do concello de Carballo, alí onde disque morreu Xesucristo.
Pedímoslle permiso ao cantante da orquestra. Empezamos con un campaneiro, non era xerezano, era Marqués de Coes Tapón Dourado. Xa animados subimos ao palco e fixen a presentación. A xente estaba a marchar e ao sentirme a min quedouse: «¡Donas e cabaleiros! Son o popular presentador da Radiointerparroquial de Carballo JMC. Hoxe estou aquí para presentarvos un cantante, un cantante que está moi de moda, pois acapara os últimos postos do hit parade nacional. Primeiro no último festival de San Remo, quero dicir último no primeiro festival de San Román, celebrado en dita city o 34 do mes que ben. Hoxe está aquí para cantarnos a súa última canción titulada My Land , que se hai algún español cerca é Mi Tierra . Con vostedes o famoso, o superfamoso, o coñecido, o descoñecido Pepe da Brea». Acabamos a canción e a xente aplaudiunos e pediunos «outra, outra, outra». Despois ata a orquestra nos acompañou e incluso a xente se puxo a bailar. E sen saber por que, os da comisión dixéronnos que baixásemos do palco. Iso si, con boas palabras. «Baixade de aí fillos de...», dixeron.
Total que ese foi o empezo e máis o acabo da nosa carreira musical.
Fai uns días saín a tomar unhas copas invitado por un amigo que ten un pub e comprendín porque a comisión de festas de Entrecruces nos votou fóra. Díxenlle ao meu amigo: «¿Por que non pos música bailable?». El contestoume: «Se a xente baila non bebe». Pois si, a taberna da comisión tiña que vender bebidas para poder pagar a orquestra.
Nos pubs non podes bailar, e ademais co ruído enxordecedor, non podes falar, dicir, escoitar nin oír. Só tés que estar ti só coa túa copa. Tes que consumir, tes que pagar o ruído.