Argentina Devesa deixou onte o comedor do CPI Cabo da Area logo de 37 anos de traballo «entre boa xente»
22 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Os rapaces do colexio Cabo da Area de Laxe terían querido que no comedor, para o día de onte, houbese «caldo de Argentina». Non caldo daquel país senón caldo do que fai unha das que para eles é a mellor cociñeira e que así se chama: María Argentina Devesa Toja. Precisamente onte, día do seu cumpreanos (64) prexubilábase. Era a derradeira xornada diante dos fogóns do centro e por iso todo o colexio se puxo de acordo e deulle unha sorpresa. David Mohedano e Antía Sacedón foron os dous nenos que lle entregaron cadanseu ramo de flores, a maiores dun que tamén lle regalou o colexio. «O que máis nos gusta é o seu caldo, tamén os seus macarróns, os seus spaghettis e os seus filetes de polo», aseguraban. «Non é por ofender a miña nai, pero a comida de Argentina está moi boa», dicía Mohedano moi serio. «Gústanos darlle o ramo, pero contentos de todo non estamos porque isto quere dicir que se vai», dicía Antía. Ás veces os rapaces teñen as respostas máis claras. As flores e os bicos collérona sen contar con iso, así que por aquilo de non admitir de todo o moito que se emocionou, dixo que lle picaban os ollos. Tamén por alí se achegou o antigo director do colexio, José Manuel Pose Verdes. Aínda que residiu dez anos en Sudamérica por ter familia alí, Arxentina é «galega e nacida en Laxe». Entrou no 1973 no comedor do colexio Cabo da Area (daquela había uns 400 nenos, hoxe uns 180), o mesmo día e á mesma hora que María del Carmen Noya Otero e Elvira Allo, esta última falecida hai algo máis de cinco anos. Foi nese momento cando Argentina, ata entón auxiliar de cociña, pasou a ser cociñeira en toda regra. Aínda que polas súas comidas xa o era. A «botica da abuela» tiña aprobación de sobra. Ata tres xeracións de estudantes coñeceron os seus pratos. Tamén alí traballa agora María del Carmen Lema Mouzo. Argentina ten a sorte de prexubilarse tendo traballado tantos anos, 37, «entre boa xente» e deixando moitos amigos. Os seus dous fillos case que naceron no comedor (cociñou ata o final do embarazo). Agora, dedicarase a pasear e a viaxar. Gustaríalle ter un neto. Seguro que da comida se encargaría ela.