Un traballo «de corazón»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

A decimoterceira edición da Semana dos Avós de Carballo comezou no centro de día Fogar de Bergantiños

19 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Semana dos Avós de Carballo e os seus actos son xa algo esperado ano tras ano. Por iso van trece. Un bo número para facer que as actividades se realicen en dúas grandes localizacións: unha, na igrexa e, outra, no centro de día Fogar de Bergantiños. Neste último caso, por cumprirse xa un ano da súa inauguración. Foi alí onde o sacerdote José García Gondar presentou onte esta decimoterceira semana. Isto foi nunha sala ateigada de xente, precisamente onde os nove usuarios do centro de día que atenden Matilde Paz e Natalia Vilas fan manualidades ou descansan. Alí teñen o calendario do mes cos cumpreanos marcados ou os debuxos que eles fixeron con tanto agarimo, nalgúns casos por primeira vez ao longo da súa vida.

A presentación desta nova edición da Semana dos Avós acompañouse dunha visita ao xardín recén estreado e dun percorrido polas instalacións do centro, guiado por Matilde. Explicou a funcionalidade da sala de rehabilitacións, dos baños adaptados cos que contan e tamén da cociña, ampla e servizal, con neveira para os medicamentos e outra, ben distinta e máis ampla, para as sobremesas. Microondas, lacenas e unha mesa na que os maiores poden almorzar, xantar e merendar. Eles mesmos elaboraron unha pirámide alimentaria nunha cartolina e tamén escribiron noutra a bendición que fan antes de cada comida. «Isto é todo o que temos, todo feito de corazón», aseguraba Matilde. E os usuarios asentían.

O centro de día Fogar de Bergantiños abre de dez da mañá a seis da tarde e de luns a venres. Os usuarios reciben nel «unha atención personalizada» e, sobre todo, pásano ben. Mesmo bailan e cantan, como fixeron onte. García Gondar lembrou os diferentes servizos para os maiores que se foron creando ao longo das Semanas dos Avós: o comedor sobre rodas, o comedor do centro social ou o propio centro de día de Berdillo. Este ano, a novidade será a creación da figura do Acompañante dos Maiores ás visitas médicas, xestións administrativas ou outros quefaceres. Os interesados poden informarse no despacho de Cáritas ou no centro social.

Actos para hoxe

Tamén no centro Fogar de Bergantiños haberá hoxe ás once da mañá un simulacro de evacuación realizado polos bombeiros de Carballo e, pola tarde, ás 20.30 horas, no salón parroquial da igrexa, o doutor Alfonso Mariño falará de como prever o cancro.