Ánxela Espasandín e Laura Barca, as dúas traballadoras sociais na asociación Afaber (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños) agardaban onte detrás dunha mesa cargada de papeis informativos situada na Praza do Concello de Carballo. A media mañá aínda non pasara moita xente por alí, porque, por un motivo ou por outro, os viandantes son un tanto temerosos a preguntar. Elas informaba sobre a enfermidade de Alzheimer, unha realidade estendida e da que onte se celebraba o seu Día Mundial. Era a primeira actividade dentro do programa preparado por Afaber.
Espasandín explicou algunhas das claves para evitar na medida do posible a aparición desta enfermidade. E é que, remataba a vida laboral, se así se pode dicir, hai que seguir cun ritmo constante de exercicio físico, pero tamén con exercicios mentais, ademais de lectura, cálculo, escritura e relacións sociais. É un erro o illamento dos maiores.
Diagnósticos erróneos
«Polo momento, non hai estatísticas reais», sentencia a traballadora social. Na comarca, só hai datos estimativos, pero o que si hai son tendencias comúns.
Así, afirma que un dos principais aspectos detectados en Afaber son os diagnósticos erróneos. «Chegan persoas ás que o diagnóstico llos fixo o médico de cabeceira, pero un diagnóstico de alzhéimer ten que facelo un neurólogo. Tampouco é correcto tratar ás persoas que padecen esta enfermidade coma se fosen nenos. Non o son, teñen a súa personalidade moi formada e a súa historia de vida tamén».
O medo a falar desta enfermidade tamén o palpan entre a xente da rúa, afirmaban onte. «Vese o alzhéimer como algo normal nos maiores e non o é. Unha persoa maior non ten por que esquecerse de como se chama», sentenciaba. Compartir a doenza desta enfermidade co círculo próximo tamén pode axudar. Igual ca unha boa alimentación (segundo algúns estudos, o papel da Vitamina B é clave).
Partido de fútbol
Hoxe, Afaber continúa co seu programa de actividades: ás 20.30 horas, no campo de fútbol das Eiroas disputarase un partido de terceira división entre o FC Bergantiños e o Vilallonga CF. Os xogadores portarán camisetas conmemorativas e o saque de honra recaerá no presidente de Afaber, Jesús Villar Antelo. Mañá proseguirán os actos tamén.