Lembro catro apelidos: Ubieto, Reglá, Jover e Seco. Non eran futbolistas nin roqueiros; eran os autores dun dos libros que se podían atopar na aula 5 do instituto de Mondoñedo, escenario habitual, xunto coa sala de proxeccións, das clases de don Francisco Mayán.
Don Francisco animábanos a lermos, a termos moita información para os resumes das leccións que tiñamos que expoñer diante dos nosos compañeiros. Naquela aula, dende logo, non faltaba onde atopar coñecementos: a historia da arte de Camón Aznar, a enciclopedia Espasa... E nesa mesma aula, en terceiro de BUP, os rapaces descubrimos a Constitución, que nos explicaba un día por semana. El, que tanto se ocupou da historia, xa está na historia e estará tamén na nosa memoria. Moitas grazas, don Francisco.