«Para andar en bicicleta penso que todo é querer»

Katy Lema CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

O coordinador da marcha ten o dispositivo listo para que a ruta do domingo pola Laracha sexa tranquila

04 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ramón Martínez Barbeito é o tenente de alcalde e cordinador de Protección Civil de A Laracha. Desde hai máis de dez anos participa na organiza do Día da Bicicleta, que se celebrará este domingo (11.15 horas), xunto con La Voz de Galicia e Radio Voz. Como parte responsable da seguridade da marcha ciclista, Martínez Barbeito valora os dipositivos preparados para a ruta dominical.

-¿Como se vai organizar a marcha?

-Para controlar o paseo está preparado un operativo no que participarán a Garda Civil, a Polícia Local e os membros de Protección Civil de A Laracha. En total serán vinte as persoas que participarán, ademais dunha ambulancia que tamén irá acompañando o dispositivo para que todo saia ben. Imos intentar que o fluxo da marcha sexa cómodo, sobre todo nas interseccións das vías principais.

-¿Cal será a súa función?

-Irei como coordinador. En todo momento acompañarei o paseo nun coche de apoio, por se alguén se queda atrás ou sofre algún percance.

-¿Como se distribuirán as forzas de seguridade?

-Irán dous coches de Protección Civil na cola, dous da Policía Local -un deles será o que abra o paseo-, e un da Garda Civil. Algúns deles irán regulando o tráfico nos cruces.

-¿Hai puntos perigosos na ruta?

-O punto máis perigoso para nós é a baixada que vai ata Caión, que provoca que o pelotón se estire e se desfaga a agrupación, pero é unha marcha moi sinxela. Nunca houbo ningún percance de importancia, xa que a xente goza do paseo despaciño.

-¿Utiliza habitualmente a bicicleta como medio de transporte?

-Gústame moito, pero levo algúns anos sen utilizala debido á falta de tempo. De feito, cheguei a facer o Camiño de Santiago coa bicicleta desde Roncesvalles.

-¿Participou algunha vez coa bicicleta nesta ruta?

-Os primeiros anos, cando o percorrido era máis curto, desde A Laracha ata Paiosaco.

-¿Ten algunha anécdota especial coa bicicleta ?

-Sempre se portou moi ben comigo. Teño moita sorte, xa que sempre que practiquei con ela fun e volvín coa bici enteira.

-¿Cre que a xente está vinculada con este vehículo?

-Creo que fai falla máis concienciación, aquí non utilizamos a bicicleta coma nos Países Baixos. Ben é certo tamén que o terreo e máis chan e máis sinxelo de percorrer. Aquí, con estes altos e baixos faise máis difícil, aínda que a paisaxe sexa moito máis bonita. Eu penso que todo é querer, porque si que hai sitios preparados para practicar esta actividade sen problema.

-¿Que mensaxe transmitiría aos veciños do concello?

-Animo a todos a participar, que fagan este paseo, porque é moi levadeiro. Ata Caión é practicamente unha baixada, polo que é factible para todos. Invito aos laracheses a que dipoñan da mañá do domingo para gozar deste día.