Kepa Junquera volve a Zas

Katy Lema

CARBALLO

Os organizadores da Carballeira de Zas contan co apoio dos trasnos para xuntar a máis de 10.000 asistentes

20 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O próximo 7 de agosto haberá unha nova edición da Carballeira en Zas. Os organizadores presentaron onte a festa coa aspiración de que siga entre as citas máis importantes do panorama musical da nosa terra. O berro ¡Lume! que instaurou hai moitos anos o acordeonista John Whelan cobra un especial significado na escenografía desta edición.

A longa xornada festeira comezará a partir das cinco da tarde coas actuacións dos Grupos de baile da Asociación Cultural Castro-Meda de Zas, Donaire de A Coruña, e a banda de gaitas Maruxía de Laxe. Será ás dez da noite cando se suban ao escenario da Carballeira os lucenses do Clan Maragato, unha novidade que vincula por primeira vez a Zas co Festival de Pardiñas en Guitiriz. A festa continuará cos galegos Quempallou, un grupo que leva máis de dez anos brillando a un alto nivel e segue de referencia no noso panorama musical. Kepa Junquera será o encargado, oito anos despois, de dar paso ao que será, posiblemente, o momento estelar na carballeira de Velar. Xa o explica o limiar desta edición «os trasnos quedaron namorados do son da trikitixa», o instrumento co que Kepa representará o seu derradeiro traballo, Kalea. Zas, habitual na súa cita coas raíces máis celtas, achega aos incondicionais da música folk aos franceses Gwendal, os máis veteranos do cartel e unha das formacións que pasarán a formar parte desta gran historia e coa que a organización está encantada de contar. O seu concerto terá un significado especial porque supón o adianto do seu último disco antes de gravalo no estudio. Todo un luxo para os asistentes á gran cita do verán. Os encargados de baixar o pano serán ós coruñeses Banda Potemkin, cun novo disco que amosará unha variedade de ritmos balcánicos, afrocaribeños, funk, disco, rock e folk, para encher de forza aos incondicionais da carballeira. Unha tendencia a combinar que xa se converteu en habitual para nos peches de edición dos últimos anos.

Para completar esta cita coa cultura, dende o venres 30 de xullo celebrarase en colaboración co Concello a Semana Cultural no Centro Social da vila, con numerosas actividades. Destaca a exposición permanente dos 27 anos da festa, a mostra de artesanía en vivo de liño ou as dúas noites de folk que se desenvolverán nunha carpa exterior situada para a ocasión. Dentro dos produtos estrela da festa, este ano destacará a peza orixinal de Buño que levará a forma dun barril de viño.

Feitizo

A organización espera que se acheguen a Zas os seus «dez mil amigos íntimos», e que sobre todo, acompañe o bo tempo, para levar a cabo unha festa na que colaboran arredor de cen persoas, e que rematará coa derradeira nota musical que consiga contentar aos trasnos. Uns amigos que xa teñen todo preparado para gozar do feitizo único que supón, cada día máis, a Carballeira de Zas.