Un libro achega Facal a todos

CARBALLO

O Pazo de Cultura acolleu unha presentación literaria sobre o artista carballés e a inauguración dunha mostra

05 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Se dende que un poeta escribe uns versos, eses xa son de todos, como se dixo onte por boca doutro, tamén dende que algunhas das obras de Manuel Facal, o carballés máis universal, figuran nun libro que recolle moito do que fixo, tamén esas son de todos. O Pazo de Cultura acolleu onte un dobre acto, no que o gravador, escultor, pintor e multidisciplinar artista, foi dalgún xeito o protagonista.

O primeiro, a presentación desa obra, amparado na mesa presidencial por Farruco Fraga (Lumieira), Xavier Seoane (grande coñecedor e analista de Facal), David Barro (da editorial Dardo) e o alcalde, Evencio Ferrero. Fraga falou con voz maina do particular e o universal e do pouco que, ás veces, tendo o particular, como Carballo ten a Facal, se coñece o universal, como neste caso é o carácter da obra do artista. Tirou a pelota cara o tellado do Concello, demandando así unha grande exposición de quen, como analizou Seoane ante os presentes, é un home que vai e que retorna. A Bergantiños, «que imprime carácter», ao locus ben entendido, ao humilde, ás orixes e ao primitivo.

De Facal dixo Seoane que é un «home orquestra», polifacético, cun desexo de acadar o equilibrio co medio, un artista que canta á vida nalgunhas das súas obras e que noutras se volve dramático e fai denuncias. Algo de todo iso recóllese nese libro que se presentou onte e que leva precisamente como título o seu nome: Manuel Facal . David Barrofalou do peso do artista na historia galega. A obra mesmo se achega, dixo, a un exercicio de comisariado, porque é un pasaporte, un medio de lanzamento de Facal máis alá do que chegou xa e dun xeito máis doado, «como se adquirise ás» para levar así o seu legado polo mundo. Lolo, como lle chamou o alcalde, case no falou, tan só para das as gracias. Foi o alcalde, Ferrero, quen enlazou ese primeiro acto co segundo a través duns versos de Novoneyra: Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?/Non, a forza do noso amor non pode ser inutle. En homenaxe a ese escritor, a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas, inaugurouse de seguido, tamén no Pazo, a mostra Galicia, será a miña xeración quen te salve? que recolle doce gravados de Facal, acompañados por poemas de varios autores da xeración de Novoneyra: PuraVázquez, Luz Pozo, Manuel María, Bernardino Graña, Salvador García Bodaño e Xosé Luis Méndez Ferrín. Poderá visitarse ata o 2 de xuño, de 18.00 a 21.00. Facal calificou este traballo como ambicioso e achegouse ao presentes con varias explicacións. Finalizouse o acto falando dun posible futuro taller de gravado en Carballo.