Do neolítico ao século XVII

CARBALLO

Vinte persoas fixeron un percorrido polas Terras do Marqués no que xurdiron importantes achados

21 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O percorrido polas Terras do Marqués deseñado pola asociación ambiental Senda Nova foi, en realidade, unha viaxe pola historia do municipio de Carballo. Axudou moito a participación de Evaristo Domínguez Rial, que nunha soa fin de semana empatou a viaxe a Sobrado dos Monxes e Betanzos organizada polo Instituto de Estudos Bergantiñáns, ao que pertence, coa ruta a pé de case once quilómetros polas parroquias carballesas de Ardaña e Artes.

O punto de partida foi o pazo de Gontade, un dos máis antigos do municipio, que vén pasando dunha xeración a outra da mesma familia dende fai moitos anos. A súa propietaria actual abriulles as portas aos vinte participantes na ruta de Senda Nova, que tiveron a oportunidade de ver os xardíns, o interior da vivenda e dous achados de cando se fixo a restauración da casa: unha inscrición gravada en pedra na parte posterior e unha machada que Evaristo Domínguez datou no neolítico. «Ten entre 5.000 e 7.000 anos», dixo, e desvelou tamén que probablemente formase parte dunha dote funeraria, dado o seu bo estado de conservación.

Dende Gontade comezou a ascensión polo monte da Peniqueira. Foi o tramo máis duro da camiñata, pero valeu a pena. As vistas de Carballo dende o cumio son espectaculares, e no traxecto houbo outro achado. Xunto á mámoa máis coñecida da zona, moi próxima a un vértice xeodésico, Evaristo Domínguez atopou outra de enormes dimensións que, ao parecer, non está catalogada e sobre a que hai unha enorme plantación de eucaliptos. No castro da Peniqueira, un dos máis grandes de Galicia, os sendeiristas chegaron ata a cruz gravada na pedra que sinala o límite entre as parroquias de Ardaña, Artes e Rus. E, xunto a ela, unha uve que, segundo os veciños, indica que todo aquel territorio pertenceu ao marqués de Vilardefrancos.

Despois do xantar, sobre os restos castrexos, a ruta continuo ata os pazos de Vilardefrancos, que os propietarios abriron para a ocasión, e As Pallas, dúas importantes pezas do patrimonio da parroquia de Artes, os dous do século XVII, rodeados de terras e de lendas.