A oposición impide o desenvolvemento da vila

José Ramón Varela Rey

CARBALLO

14 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

No pleno celebrado o xoves en Malpica púxose de manifesto, unha vez máis, que os partidos da oposición só perseguen unha política de desgaste, protagonizada polas continuas negativas na hora de arrimar o ombreiro para mellorar o desenvolvemento de Malpica.

O concelleiro non adscrito Luis Ceán móvese como unha balsa á deriva. Despois de que o PP o traizoase e o expulsase, propuxo a redución do soldo do alcalde nun 25%, unha moción apoiada polo seu ex compañeiro de partido e o grupo do AVE, que volveu ás filas populares. Quero deixar claro que miña intención nunca foi a de enriquecerme á costa dos veciños. Os catro primeiros anos como alcalde non cobrei un céntimo polo meu traballo e no 2009 conxelei o soldo e pasei a ser o cuarto que máis cobraba do concello (2.453 euros líquidos mensuais). Para atender aos veciños como se merecen e negociar investimentos coas demais institucións, un alcalde debe estar dispoñible en todo momento.

No tema dos orzamentos, a oposición antepuxo os intereses electorais aos intereses dos veciños. O presuposto presentado é eminentemente técnico, axustado á realidade e necesidades do Concello para o 2010, cunhas previsións de ingresos e de gastos comedidos, fixando os obxectivos do Concello para repostar ás necesidades dos veciños. O seu rexeitamento vai dificultar eses obxectivos e obrigará ao Concello a xestionar a súa actividade cos parámetros presupostarios do 2009, o que pode impedir dar resposta ás necesidades actuais de Malpica. A maioría da oposición entrou nunha dinámica destrutiva co único fin de eliminar ou danar ao goberno e ao alcalde de Malpica. Se a oposición opina que a xestión do Concello non é o suficientemente correcta e ten as suficientes agallas, o que ten que facer e presentar unha moción de censura e coller eles a dirección do Concello. En vez disto dedícanse a poñer trabas ao goberno municipal, verter insidias e facer infantís maquinacións para trabar a xestión municipal. A consecuencia é clara: os que resultan prexudicados son os malpicáns.

De todos modos, tratarei, nos vindeiros días, acadar acordos con algúns dos grupos políticos, se están polo labor, para sacar adiante o documento dos presupostos xa que é moi importante a súa aprobación para o desenvolvemento de Malpica.