Unhas 90 persoas subiranse hoxe ao escenario en Corcubión para ofrecer «Antoloxía de zarzuela»
13 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A Casa de Cultura de Corcubión acollerá esta tarde, (20.30 horas) o espectáculo Antoloxía de Zarzuela. Sobre o escenario serán unhas 90 persoas. Todos elas estarán dirixidas por Fernando Vázquez Arias (Melide, 1957). El é director de orquestra, ten levado a batuta dalgunhas sinfónicas (galegas, nacionais e internacionais ) e e tamén, por outra banda, compositor de moitas obras sinfónico-corais, piano e voz para varios grupos de cámara. Internouse, ademais, na docencia da música. O seu actual proxecto é precisamente o que ofrecerán esta tarde en Corcubión.
-¿Que ofrecen en «Antoloxía de zarzuela»?
-É un conxunto das pezas máis significativas deste xénero, pero se algo destacamos é o feito de que é algo integramente galego: hai membros da Orquestra Sinfónica de Melide, da coral El Eco de A Coruña, que é a máis antiga da Península Ibérica e tamén están a solista Susana de Lorenzo (A Coruña) e o barítono Miguel Rivas (Lugo). Logo, eu son o que me encargo de dirixir todo o concerto. -¿Como está sendo este percorrido? -Houbo moitos ensaios previos e, neste caso, foi Caridad González [responsable da área de Cultura na Deputación de A Coruña] a que quixo que nos achegáramos tamén ata a Costa da Morte. Estes días ofrecemos catro concertos: en A Coruña [o venres], en Muros [onte], en Corcubión [hoxe] e en Culleredo [mañá]. -A pretensión, parece, é achegarlle a zarzuela ás pequenas poboacións. -Xustamente, ese é o motivo principal deste espectáculo. As bandas, nas localidades, facían xeralmente un popurrí co que se achegaban a estas pezas, pero nós tocámolos tal e como foron compostos polos seus autores. -¿Como está respondendo o público polo de agora? -No Teatro Colón de A Coruña foi algo absolutamente espectacular. Abriuse a taquilla para vender as entradas ás 12.00 e, á unha menos cuarto, xa estaban todas esgotadas. Tamén en Muros [dicía onte], esperamos que vaia igual de ben. -Igual hai menos xente nas pequenas vilas. -Eu teño xa experiencia en levar, por exemplo, música de cine a poboacións pequenas e, a verdade, tivo sempre grande repercusión. Se coa zarzuela desta volta non é así, seguro que para a próxima si o ha de ser. -¿Algún novo proxecto en mente? -Agora estou rematando con este, ando preparando novos traballos para o Xacobeo e, para o ano que vén, algo haberá.