«Aínda que só consigas unha inserción, é algo que enche»

CARBALLO

Dous dos participantes no curso de atención sociosanitaria a domicilio atoparon traballo tras 704 horas de ensinanzas

05 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Marcos Gende Periscal chegou á Rede Xiana un pouco por casualidade, pero este carballés de 27 anos e licenciado en Dereito descubriu un campo de traballo «moi interesante» e, máis aínda, gratificante. Nos últimos meses exerceu como axente de inserción laboral para os 17 participantes -16 mulleres e un home- no curso de atención sociosanitaria a domicilio que se impartiu en Carballo, como sede dos concellos da comarca de Bergantiños e Arteixo, e agarda que a segunda convocatoria teña o mesmo éxito.

-¿Cal é a súa valoración desta primeira experiencia?

-A valoración é satisfactoria. En primeiro lugar, en canto á participación. Xa só nas inscricións iniciais houbo 103 persoas dos oito concellos para 18 prazas, o que xa indica claramente a demanda que hai. De feito, poderiamos dicir que mesmo se quedou pequeno. -E, ademais, porque semella que a atención a persoas dependentes é un sector con posibilidades de inserción. -Dentro do que cabe, porque no momento no que estamos hai pouco emprego en xeral, pero digamos que é un sector en auxe. Estase vendo na apertura de centros de día como o de Cabana ou o que está previsto na Laracha, xeriátricos, axuda a domicilio... Hoxe en día non é coma antes, e non sempre hai unha persoa que pode quedar no domicilio atendendo a esas persoas, polo que se solicita cada vez máis este tipo de titulados. -O obxectivo final do curso é a inserción laboral dos participantes, xa que un dos requisitos é que fosen desempregados. ¿Que posibilidades teñen? -A verdade é que o campo da axuda a domicilio é un sector no que, como lles dixen sempre, onde se ve realmente a xente que vai estar preparada é no momento das prácticas, porque unha cousa é ver as situacións antes de chegar alí e outra é atoparse cunha necesidade de coidados que, realmente, son moi duros. De feito, unha alumna déusenos de baixa o primeiro día de prácticas porque non se vía preparada para iso. Hai moita xente á que ao mellor cústalle realizar esas actividades. Daquela, é un sector no que hai xente que non está preparada, porque á parte de ter a formación hai que ter esas habilidades e ese valor. Pero, dentro do que cabe, debeu haber un par de insercións dentro das 17 persoas que acabaron este curso, e estamos pendentes tamén doutra posibilidade de oferta de traballo. E, en xeral, no proxecto en toda a provincia hai arredor dun 22.24% de inserción laboral, o cal está bastante ben nos tempos nos que andamos e dado o que estamos vendo cada día. -¿Como chegou vostede a Carballo? -Somos 13 técnicos de inserción laboral, un por cada zona, porque a provincia está dividida en 16, agrupando concellos, e neste caso a min tocoume a zona de Carballo. Eu son de Carballo, así que tiven sorte. -¿E que representa este traballo, dende o punto de vista profesional? -É un traballo moi bonito. Pelexar por buscarlle traballo á xente, aínda que só consigas un inserción de 18, é algo que enche, que te enorgullece. É unha satisfacción persoal moi grande, porque nos tempos que corren ves verdadeiros dramas persoais. Dáste conta no proceso de selección, ao que chega xente de familias de catro persoas que están a sobrevivir con 400 euros mensuais. Dáste conta realmente do complicado que é, e ves esas caras de alegría xa non só coa inserción, senón coa formación, a xente que goza cada día co curso despois desa rutina diaria de estar desempregada. É moi satisfactorio. -¿E haberá máis cursos? -Esa é a idea. Pero iso xa depende dos cursos que vaian solicitar tanto o Concello de Carballo como os outros concellos da zona. Na próxima convocatoria cambia un pouquiño a temática. Hai cursos de aproveitamentos forestais, tamén de enerxías renovables, que é un sector que está en auxe, porque inténtase buscar cursos que non redunden no que xa hai, é dicir, nos que xa ofrecen outras Administracións. Dende ese punto de vista, os da Rede Xiana son cursos novedosos.