Cando don Dombate sentiu que os seus esteos tremeron uns segundos o sábado 27 de febreiro pensou que fora polos ventos do temporal. Cando tivo diante a portada de La Voz de Galicia decatouse de que fora unha onda pétrea orixinaria das terras sudamericanas de Chile. Quedou moi preocupado. Na capital chilena vive o seu vello amigo Edmundo Moure Rojas, que sempre que lle fai unha visita o alegra con fermosas historias sobre as meicas de Chiloé. Lembra perfectamente que tivo a mesma sensación o 11 de setembro de 1541 (por certo, unha data tráxica, xa que coincide coa de setembro de 1973, protagonizada polo tristemente célebre xeneral Pinochet), cando a recén fundada Santiago del Nuevo Extremo aínda tiña só oito meses de vida. O país de Gabriela Mistral e Pablo Neruda ten unha lonxitude de 5.000 quilómetros e 70 volcáns, polo que adoita a tremer fortemente de cando en vez. Por sorte, seu amigo está ben. Edmundo afirma que os chilenos levan dentro a forza mapuche que os fai sobrepoñerse aos golpes da vida e engade que el, ademais, ten nas veas o xeneroso sangue paterno de Vilaquinte (Chantada). Por iso está pensando en comezar axiña coas presentacións do seu último traballo narrativo titulado Memoria de los anhelos . Aínda non o levou á imprenta, pero xa o coñecen e recomendan os seus máis achegados que o recibiron por correo electrónico.