O servizo de axuda no fogar experimentou nos últimos años un crecemento espectacular en Carballo, tanto en número de usuarios como, en consecuencia, de traballadores. A organización depende da Concellería de Igualdade e Benestar, que dirixe a nacionalista Dores Silveira Sande.
-¿Cal é a situación do servizo de axuda no fogar neste momento?
-En canto á calidade, o servizo é óptimo. Somos un dos poucos concellos cun servizo totalmente público, agás para casos puntuais nos que se recorre a unha empresa, co tal tamén ofrecemos un emprego digno ás persoas que o prestan. -¿Fan falta moitos recursos para mantelo? -Recibimos 24.000 euros da Xunta ao ano, pero non chegan. Ademais, para o servizo que se presta en aplicación da lei de dependencia, que os concellos estamos obrigados a prestar, temos unha axuda de 129.000 euros. Son, en total, 150.000 euros, pero temos quince persoas atendendo o servizo, co cal non se cubre, nin de lonxe, o 80% que tería que cubrir a Xunta. Ademais, temos catro traballadores sociais, un deles asumido integramente polo Concello. Eu sempre digo que a miña é unha desas áreas pouco vistosas, pero que presta un servizo moi importante, tanto para as persoas dependentes como para as non dependentes. Para o Concello, o servizo de axuda no fogar é unha prioridade. -¿Que vai pasar no Nadal? -Os únicos días en todo o ano nos que non se presta o servizo de axuda no fogar son o 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro, pero estamos valorando os casos que temos por se hai algún aos que teñamos que ir. Temos contratada unha empresa para cubrir as vacacións e algún caso puntual, o que supón outros 60.00 euros. Hai que ter en conta que temos dependentes que teñen 90 horas de atención ao mes, é dicir, tres horas ao día. Este é un servizo moi complexo de organizar, tanto polos horarios de atención que se demandan como pola dispersión da poboación. -¿Aumenta a demanda? -Si. Nótase moito a incorporación da muller ao mundo laboral. Aínda así, moitas mulleres deixan o seu traballo, porque o servizo que nós prestamos non suple que haxa unha persoa alí, xa que un gran dependente necesita unha persoa as 24 horas. O noso é unha axuda.