«Cando un ten certa forma de ver as cousas acaba colaborando»

CARBALLO

A asociación Terra de Homes en Galicia vén de firmar un convenio co Concello de Carballo para desenvolver a súa actividade tamén na capital de Bergantiños. A oenegué trae a nenos africanos con doenzas cardíacas para seren operados no Hospital Materno Infantil da Coruña. Raúl Besada é o seu delegado en Galicia.

-¿Como foi a acollida a asociación en Carballo?

-Moi ben. Xa se interesou unha familia e tamén un voluntario. No entanto, o día 24 faremos a presentación de Terra de Homes de cara ás entidades sociais. Imos repartir carteis e trípticos. E o día 27 faremos unha obra de teatro a beneficio de Viaxe cara a vida e vaise proxectar un vídeo para dar a coñecer o proxecto dende todos os puntos de vista. -E hoxe tamén participa na Feira das Asociacións. -Si. Convidounos o Concello, e como a idea que temos é dar a coñecer as nosas actividades parece o lóxico. -¿Como chegou vostede a Terra de Homes? -É difícil dar só unha explicación. Supoño que cando un ten certa forma de ver as cousas acaba colaborando. -¿E a xente colabora tamén? -A acollida ao proxecto é moi boa. E non é fácil, porque a acollida dos nenos é algo moi bonito, pero moi duro, porque son nenos que veñen graves e a parte afectiva é moi forte. Pero a xente que colabora está encantada co proxecto. Pero cantas máis familias teñamos, máis nenos poden vir.