Teatro do Corsario non defraudou de novo e ofreceu unha emocionante representación de «El caballero de Olmedo»
02 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.«Que de noche le mataron al caballero. La gala de Medina. La flor de Olmedo». Crítica da obra de teatro: ¡¡¡Guaaauuuuu!!!. Deberiamos deixalo só nesa expresión. Con iso abondaba. Esta idea non é miña, senón da miña veciña de butaca, e amiga Basi. Idea que eu subscribo totalmente. Pero claro, hai que escribir algo máis, senón ¿para que comprástelo periódico?
Pois vale, voume poñer a estricar un pouco máis os meus comentarios: ¡vaia cacho de obra! ISTO SI É TEATRO. Xa vos avisara eu: o Teatro Corsario nunca defraudou ó público carballés. Preciosísimo comezo; ó redor dunha morea desordenada de mobles multiuso, aparecen unha chea de personaxes en escena, tesos, inmóbiles, perfectamente iluminados, e ó son dunha guitarra, unha das actrices ponse a cantar unha triste, pero bela canción que anuncian os nubarros que han vir. Mais era tan delicado todo, as cores, a disposición no escenario, a música e a canción... marmelada de beleza; esencia de bo gusto. Estupenda maneira de principiar; bos augurios véñenos anunciar. Tras un decorado sinxelo pero esmerado e coidadosamente mimado, os actores e actrices van degraendo a obra do noso ilustre Lope de Vega. E aínda sendo en verso, non se resinte a interpretación nin o máis mínimo. Nin tan sequera o ton dos diálogos, que tal dan a impresión de naturalidade. Intelixente iluminación que persegue ós personaxes no seu devagar polo escenario. Fermosa guitarra española que enche os ocos dos intervalos con brillante mestría, ou fai de tapiz de fondo reforzando unha intervención. É o Corsario dos que montan unha escenografía cunhas cantas táboas, e coa complicidade da imaxinación do espectador (lembrade como se fixeron as reixas do lazo verde).
O verso
Dise do teatro clásico en xeral, e do español en particular que son un tostón, que se fan pesadas, especialmente ó estar enfaixados polo verso. Pero na representación de hoxe (sábado), os actores e actrices poñen, coas súas actuacións, unha nota de cor que faiche esquecer a obrigada rima. O personaxe Tello, soberbiamente encarnado por Luís Miguel García, arrincou axiña a simpatía do respectable. Brillante manifestación do bo facer dun actor. Sempre nos deixou un bo sabor de boca, e hoxe non ía ser menos. Salientable tamén as actuacións de Rubén Pérez (Don Rodrigo), Verónica Ronda (Inés), Julio Lázaro (Don Pedro) e a fabulosa Rosa Manzano (Fabia). Como vedes, case todos. Descubrín, asemade, que o verso, pese a todo, co seu acento cantareiro pode chegar a converterse nun recurso escénico, pois faise harmonioso e inflúe positivamente no ritmo da acción. As palabras tamén son cores dunha paleta, coas que se poden debuxar fermosos cadros. Estoume acordando: ¡magnífico, o Tello!.
Que ben se movían todos polo escenario, creando ambiente ou tensión; mesmo beleza estática. A súa expresión corporal denunciaba un traballo ben feito e coidado que reforzaba a vis dramática. Vamos: de libro.
Emocionante final, imaxe do comezo, coa aquela canción de Inés, a mesma fermosa e tristeira do principio. Ata rematando demostraron arte. Moitos aplausos e bravos. Eu, o meu BRAVO!, bérrovolo desde estas miñas páxinas, querido Corsario.
Boas opinións
Ó saír fun escoitando (desta vez de persoas reais, non Chuchos e Edelmiros imaxinarios) moi boas opinións do público. Non houbo ningunha (das que eu oín) que non lle gustara. Non é que non se poida atopar eivas, que algunha había. Pero é que quedaron apagadas pola luz dos seus acertos que foron moitos.
Felicitacións por tanto para todos e todas, en especial para o seu director, Fernando Urdiales, que foi o responsable do que vimos.
Corsario: volvede cando queirades. Asegurades a satisfacción de todos.