«A situación é moi delicada»

CARBALLO

Xoán Carlos Lista vén dunha familia de carpinteiros con máis dun século de experiencia. Foi un dos promotores de Atacarma e o seu primeiro presidente.

-¿Pódese facer balance dunha asociación tan nova?

-A verdade é que estamos moi contentos, porque fai un ano que empezamos, e eramos sete ou oito persoas. Na primeira reunión pasamos a catorce, despois a vinte... Hoxe na asociación hai cincuenta carpinterías e imos ser máis. Isto para min é importantísimo, porque estamos a falar dunha asociación de pequenos empresarios, que somos todos do mesmo sector e sabemos cales son os nosos problemas. Iso permítenos identificalos ben e aportar solucións. -¿Acadouse xa algún dos obxectivos previstos? -Estamos conseguindo cousas que poden parecer sinxelas, como a elaboración de contratos, que sería beneficioso para nós e tamén para o cliente, porque suporía darlle unha garantía dun traballo ben feito. Estamos traballando para erradicar a competencia desleal, falando cos almacéns, e estamos logrando que nos respecten como clientes. Tamén estamos falando con compañías aseguradoras de coches, de riscos... que nos están a facer propostas máis económicas que nos permitirán reducir os custos dos nosos negocios. -¿E de cara ao futuro? -Eu estou moi contento pola cantidade da xente que está entrando, pero temos un reto de futuro, do que somos conscientes na directiva, que é manter a asociación no tempo e darlles aos asociados cousas que os inclinen a seguir nela. -¿Como está o sector? -A situación é moi delicada. Hai moitos negocios que se están encontrando con moitísimos problemas.