Contos para falar e bailar

CARBALLO

Uns 200 rapaces riron e gozaron da man de Literactúa co ritmo da historia «A fantástica viaxe de Patri»

06 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Benxamín ben lle podería dar voz, e voz grave, a un conto de medo. Non obstante, a cousa foi onte ben diferente no salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo. En tres sesións, el e Fernando, este último ao mando da guitarra e do canto, encheron de ledicia a máis de 200 escolares dos colexios de Carballo. Ás 10.00 foi a quenda para os do CEIP de Bergantiños, ás 11.15 horas, para os de A Cristina e Gándara-Sofán e, ás 12.30, para os do Fogar e os do Xesús San Luís Romero.

A fantástica viaxe de Patri foille contada aos rapaces por Benxamín. A súa actividade forma parte dun proxecto da editorial Rodeira dentro do programa Bocaberta da Xunta. Enmárcase na nova campaña de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Linguística e, a nivel máis local, estas sesións foron organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística dentro da iniciativa Literactúa , para o fomento da lectura en galego.

Todo é imaxinación

Foi unha actividade para poder voar coa mente, pois como moi ben cantaba Fernando, «imos saltar de diversión nesta aventura de imaxinación». Os rapaces entraron xa participativos, cun «Bos días» enérxico e unha declaración de intencións: «Gústannos os tesouros e gústannos os segredos».

Así, de palabra e voz, os dous contacontos foron levando aos pequenos por un mundo feito á súa medida, a historia da nena Patri que se sentía abraiada cos contos da súa avoa. Ambas as dúas, ademais dos amigos da pequena, emprenderían a viaxe cara a aldea, na procura da árbore que, dentro da carballeira, agochaba un tesouro. «Tamén a nosa lingua ten un tesouro», explicaba Benxamín no medio da súa intervención.

A música pegadiza que facía Fernando levantaba aos rapaces, algún incluso pedía rock&roll e bailaba ao ritmo que marcaba a guitarra do cantante. Esta é unha montaxe narrativa e visual que a editorial Rodeira, baixo o nome de Contos para falar , está a levar dende o 14 de setembro e ata o 18 de decembro a máis de 15.000 nenos e 43 concellos de toda Galicia. Trátase de que os pequenos relacionen o uso da lingua galega na lectura e na comunicación oral con actividades positivas, participativas e agradables, para que deste xeito desenvolvan boas actitudes respecto da lingua propia dende o punto de vista afectivo e tamén funcional.

Hoxe séra a quenda, ás 10.00, 11.15 e 12.30 horas, respectivamente, para os rapaces do CRA Ponte da Pedra, do CEIP Bergantiños, do centro de Nétoma-Razo e, de novo, para o Fogar.