A madeira non ten segredos para os irmáns Lista, a cuarta xeración dunha familia que comezou a traballar no sector nas últimas décadas do 1800
06 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Xosé Ramón e Xoán Carlos mudaron a Carpintería Lista ao polígono carballés de Bértoa hai tres anos. Ata entón estaban na céntrica rúa Valle Inclán, a mesma á que o seu avó, Alfonso, levou o negocio a mediados do século XX e na que tamén lle aprendeu o oficio o pai da cuarta xeración de carpinteiros Lista.
A historia do amor pola madeira desta familia carballesa remóntase ao último cuarto do século XIX, cando Ramón Lista se iniciou na arte de converter as árbores en mobles e, ao mesmo tempo, negociaba coa madeira que mercaba a pé de monte. Ramón pasoulle a profesión aos seus fillos José, Luciano e Alfonso, que alternaron a actividade da carpintería, desde o seu taller da rúa Vázquez de Parga, coa da construción. De feito, foron eles os que levantaron a antiga Casa de Chiño, a coñecida como Casa do Cura e tamén algunhas das galerías de madeira que hoxe en día poden verse na praza de Galicia de Carballo.
En 1921, Alfonso, o pai de Alberto e avó de Xosé Ramón e Xoán Carlos, montou o seu propio taller na que hoxe é a rúa Valle Inclán e que entón chamábase Bilbao. Un nome que, por certo, lle puxo o propio Alfonso cando desde o Concello lle preguntaron a onde tiñan que mandarlle as comunicacións. A zona estaba deserta, e a súa foi a primeira vivenda da rúa, así que como colono , o avó Lista puido elixir a súa denominación. Os Lista inauguraron a Valle Inclán e tamén a Rosalía, onde nos anos cincuenta construíron as primeiras casas, xa desaparecidas.
Con estes antecedentes non é de estrañar que Alberto Lista Theodosio se decantase pola carpintería. Máis aínda se se ten en conta que o seu avó materno foi José Theodosio, O portugués (procedía da vila lusa de Vieira de Leiría), que aos inicios do século XX abriu un serradoiro en Carballo, na zona na que hoxe está a rúa Portugal, un nome que recorda á familia.
Alberto empezou a traballar con só doce anos, aínda que compaxinou o taller cos estudos ata os 20. «Ía á escola do Rato, pero eran tempos moi difíciles e non podía nin pensar en facer unha carreira», recorda. Non entanto, sempre lle gustou o mundo da madeira. Tanto que lle inculcou o amor pola profesión aos dous fillos.
Como moitos outros da súa xeración, Alberto Lista tamén cruzou o charco. Emigrou a Venezuela onde, non podía ser doutra forma, puxo en marcha unha fábrica de mobles. Despois de nove anos en América, en 1967, volveu ao seu Carballo natal -«tiña morriña», di-, á carpintería da rúa Valle Inclán na que Xosé Ramón e Xoán Carlos aprenderon o oficio. «Pero as cousas agora son moi diferentes», recalca Alberto, quen, xa xubilado, segue a botar unha man sempre que pode. «Agora son o home dos recados», explica con humor. O mesmo co que posa para a fotografía desta reportaxe mentres di que ninguén vai crer que sexan necesarios tres homes para levantar unha porta. Unha das moitas que hoxe en día fabrican na moderna carpintería, onde tamén fan mobles como a cómoda que o bisavó Ramón creou en 1892 e que Xosé Ramón conserva con orgullo. «Unha xoia», sinala o maior dos Lista de cuarta xeración.