O artista confírmase como un dos intérpretes máis queridos nas ondas de Radio Voz Bergantiños
20 nov 2019 . Actualizado a las 22:14 h.Debe haber poucas persoas na Costa da Morte, e mesmo en Galicia, que non coñezan o Xirarei de Xil Ríos, con letra doutro cantante moi querido na comarca, Juan Pardo. Esta copla, se se pode chamar así, é a que, no espazo da canción do verán, que está a desenvolver Radio Voz Bergantiños, se está alzando como auténtica triunfadora. O propio Xil Ríos (Moaña, 1948) participou en Voces de Bergantiños e valorou esta acollida como «unha satisfacción enorme». Ademais, explicou a intrahistoria da canción e a súa relación coa Costa da Morte.
-Ten estado fai algúns anos na Milagrosa de Carballo, pero esa non foi súa única actuación por aquí.
-Non, efectivamente, teño estado moitas veces na Costa da Morte. Ademais, dende que unha vez fun por aí de vacacións imprevistas, entaboei unha relación extraordinaria cunhas persoas de Laxe: Mila, Mon e os seus fillos. Na súa teño a miña casa e eles téñena na miña. Voume ata alí algúns días, de vez en cando, levo a guitarra e, de feito, algúns dos meus temas naceron en Laxe.
-¿É certo que o seu «Xirarei», que tanto éxito está a levantar na Costa da Morte, estivo a piques de chegar a Eurovisión?
-Pois si. Cando Juan Pardo decidiu apostar forte por min fomos a Londres gravar o tema. Cando volvín, presentámolo, e de alí a uns días chamáronme para dicirme que tiña que ir a Madrid e facer unha versión en castelán, posto que fora unha das cancións preseleccionadas para o festival de Eurovisión. E así foi, aínda que me resultaba moi estraño cantar «giraré como la rueda de un molino».
-¿Pensa que o éxito da súa música pode residir en que ten moito de patrimonial ou popular?
-Realmente eu non era un cantante popular, senón máis ben social. Un cantante que, como calquera fillo de mariñeiro nacido en Moaña, falaba un pouco de protesta, de certas inxustizas que non me gustaba que se cometeran. Logo xa me empezaron a fichar as multinacionais e mesmo unha vez me bautizaron como «o rapsoda de Moaña».
-Fixo moita e boa música, pero é recordado sobre todo polo seu «Xirarei». ¿Iso gústalle?
-Si, indubidablemente, eu non vou renegar da miña humilde carreira musical. Ningunha empresa aposta por un artista e unha canción se non funciona, pero iso non significa que no medio desas cancións festeiras non haxa outras sobre sentimentos que levo dentro.