O rexedor muxián e sindicalista cre que Agricultura e a Xunta teñen que ofrecer unha saída aos gandeiros
11 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que desde a súa chegada a alcaldía de Muxía Félix Porto Serantes separouse algo do seu traballo sindical, o rexedor muxián segue dentro de Unións Agrarias e amosou o seu activismo e as súas opinións nas últimas mobilizacións de gandeiros. Ten claro que a situación é dramática e que se precisan medidas para corrixila.
-¿En que punto está agora mesmo a gandería?
-Estamos a vivir a parte máis crítica da historia da gandería neste país. Hoxe un quilo de penso é máis caro ca un litro de leite. Cústame crer que puidéramos chegar a isto sen a desesperación dos gandeiros. Estase a pagar o leite a prezos de 1986 e 1987. -¿Estase a facer algo para cambiar esta situación? -Non parece lóxico que despois de todas os investimentos que fixeron os gandeiros estean a recibir o pago que están a recibir coa pasividade da Administración e en especial da ministra de Agricultura. -¿Acontece o mesmo noutros países produtores de leite da Unión Europea? -En Francia hai tempo que se sentaron todos e alcanzaron un acordo mentres que en España nin tan sequera se sentaron as bases. Francia foi capaz de poñer 48 millóns de euros enriba da mesa, e en España había que articular medidas semellantes. -¿Cal é o futuro das explotacións da comarca? -O futuro inmediato na comarca é que ou hai solucións a curto prazo ou haberá peches. Poden quedar miles de persoas no paro. -Pero aínda ten solución. -O que cabe é a implicación da Administración. Non parece normal deixar que o mercado devore aos produtores sen facer nada. A máxima responsabilidade tena agora un novo Goberno. Hai diferenzas de ata 6 céntimos por litro de leite entre Galicia e Andalucía. E temos unha ministra de Agricultura con capacidade política. -¿É viable que se poida fixar un prezo mínimo do leite, como reclaman moitos gandeiros? -É moi difícil porque ímpideo a lexislación, pero hai que articular algo. A distribución non pode fixar os prezos do leite. Habería que forzar un acordo e impedir que se siga usando o mercado español como sumidoiro do mercado. -¿Cantas explotacións poden estar en risco? -O 90% das explotacións están ao límite. Pedimos un prezo xusto polo seu traballo. O problema é que non hai control do que vén desde fóra. Somos conscientes de que ten que entrar leite doutros países, pero non a prezos máis baixos. Aquí só colocan os excedentes por medio das compañías de distribución francesas. -¿E a postura no ministerio? -A ministra, que é galega, ten que escoitar o berro dramático de moitas familias as que se lles fai caso.