Afirma que desde o seu posto na Federación Española pode aportar moito á provincia
04 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Genaro Amigo Chouciño (Malpica, 1954), leva indo ao mar desde que ten 14 anos. Dos 40 anos de experiencia que atesoura, máis da metade pasouno como patrón maior de Malpica, cargo que ocupa desde hai 21 anos, aínda que está vinculado a órganos de goberno desde hai dúas décadas. Nos últimos catro anos foi o presidente provincial e actualmente ostenta tamén o cargo de presidente da Federación Española de Cofradías.
-¿Por que decidiu presentarse?
-Paréceme que queda moito por facer e creo que podo levar adiante un bo labor aproveitando o meu cargo como presidente nacional. Desde aí podo axudar moito á provincia. Dentro de catro anos haberá que ir pensando en deixarlle paso a outros máis novos. -¿Cal é o problema máis importante ao que se enfronta hoxe o sector? -O máis grave é o problema da comercialización, sobre todo coa crise que estamos a pasar, xa que estamos a vender o peixe a prezos de hai 20 anos. No prezo tamén inflúe a importación masiva, temos unha competencia desleal. -¿Que solucións se poden ofrecer para mellorar nese campo? -Haberá que seguir defendendo as lonxas e as poxas públicas. Temos que impulsar as lonxas comarcais, por exemplo poñendo unha en Baio ou Vimianzo. Suporía reducir o gasto para todas as confrarías e vender a mellores prezos os produtos porque xuntaríase un maior número de compradores. -¿Que outros asuntos defenderá na súa campaña ás próximas eleccións? -Hai que falar dos coeficientes redutores, que hai que cambialos, sobre todo para a baixura. Sei que é algo difícil porque estamos nunha situación complicada, pero o que temos que facer tamén, e dígoo aínda que sexa impopular, é incrementar a base salarial. En Cataluña e no País Vasco os coeficientes son os mesmos, pero teñen pensións máis altas. Nós en Galicia temos as máis baixas porque levamos anos cotizando pouco. Así, moitos van máis ao mar despois de xubilados ca antes. -¿Teñen algún obxectivo específico para a baixura? -Queremos que se diferencie legalmente dunha vez por todas da pesca industrial, e tamén poñer en marcha un plan de xestión de artes menores e outro para o cerco, para que se poidan facer paros biolóxicos pagados, non coma o do polbo. -¿Que máis leva no programa? -Temos que reducir as taxas portuarias. Tamén temos que ampliar o prazo para regularizar embarcacións. -¿Parécelle ben que haxa outra candidatura? -É normal que haxa máis candidatos. Moléstanme as formas. Martínez estivo comigo catro anos sen abrir a boca, pedindo só o alto das betas, pero nunca quixo vir comigo a Madrid. Estráñame agora que diga que a federación non funciona. Se un goberno non vai, algo de culpa terán os ministros. A campaña empezou onte e el leva unha semana nela, e iso tampouco me gusta, e xa llo dixen.