Juan Antonio Alvarellos Areas, ademais de estar ao fronte dunha granxa familiar en Muxía, é unha persoa que mantén un gran compromiso co sector que o levou a aspirar á presidencia de Feiraco o ano pasado.
Ao seu xuízo, a crise pola que atravesan as explotacións responde mais a un problema estrutural que ao descenso no preso do leite.
Cre que o modelo intensivo predominante na zona, que se basea na estabulación permanente dos animais é o que menos se adecúa ás condicións naturais da comarca. «Aquí aparecen un montón de persoas que se fan chamar técnicos, cando, no fondo, son vendedores. A xente inviste unha chea de cartos en mesturas [alimentación con pensos compostos], maquinaria e demais en vez de ir cara o sistema francés, no que predomina o pastoreo. Con esta fórmula, o que estamos a facer é desaproveitar o que nos dá a terra», sinala.
Alvarellos ve o peche das explotacións máis pequenas como un problema xeral máis que coma unha vantaxe para os que resisten. «Que desapareza alguén [algunha granxa] é un prexuízo para todos, porque o resto quedamos máis illados, os portes encarécense e perdemos forza. Ademais, cando as terras quedan sen traballar non van parar a outra explotación senón que acaban plantadas de eucaliptos, cos inconvenientes que iso supón para as praderías que están cerca», conclúe.