A invasión do 21 de abril

Víctor Castiñeira Castro Historiador e técnico de Cultura

CARBALLO

Tras o acontecido o día 13, os franceses regresarían á Costa da Morte, unha decisión que ao primeiro parecía inexplicable

18 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois dos funestos sucesos do día 13 e coa xunta de defensa fuxida, Cee e Corcubión enfróntase a unhas penosas tarefas de limpeza e reconstrución. O primeiro que se fai é dar sepultura aos mortos, mentres o pai Romero, e os oficiais da Endymion se reunen no castelo de Ameixenda tentando de organizar unha nova alarma .

Na reunión, Lapido oponse a ilo, dados os resultados acadados na primeira, pero finalmente todos acordan iniciar de novo o proceso de reclutamento de voluntarios, así como reunir todo o armamento e avituallamento posible. Coa xunta de Corcubión nunha situación moi difícil, incluso con divisións dentro, xa que o pobo considerábaa culpable de todo o acontecido, solícitase a súa disolución, así como a entrega dos víveres e cartos que atesouraba.

Os motivos

¿Por qué unha segunda expedición francesa a Cee e Corcubión? As causas da primeira invasión están claras: nin Cee nin Corcubión tiñan nada de especial dende o punto de vista estratéxico dentro do escenario xeral das guerras napoleónicas en Galicia. O seu alonxamento das principais cidades non fan da nosa zona algo atraínte para os franceses, que só vían nela un lugar de aprovisonamento para os seus exércitos metidos en obxectivos máis importantes que unhas simples vilas da periferia.

Mentres se pagaron as requisas non houbo grandes problemas, pero a constitución da alarma e a negativa de abastecento e sometemento ao francés, xunto co apresamento dos dous buques en Camariñas, explican a primeira incursión na comarca a mediados de abril.

No entanto, os franceses deciden unha segunda incursión, moito máis forte que a primeira en número de efectivos de infantería e incluíndo unha importante dotación de cabaleiría e artillería. Este feito resulta en principio inexplicable desde o punto de vista militar, tendo en conta que a comarca xa fora arrasada días antes e que o exército da primeira alarma estaba desestruturado. Este grande interese en voltar á nosa comarca ven xerado por un elemento de grande envergadura: a fragata Endymion .