Preparativos contra a invasión

Víctor Castiñeira Castro

CARBALLO

Dumbría, Baíñas, Vilastose, Camariñas ou Corcubión foron algúns dos puntos onde tiveron lugar os primeiros escarceos

16 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O 22 de marzo reciben en Corcubión un oficio de Manuel Taboada, comisionado do Marqués de la Romana que se atopaba na defensa da vila de Muros e que pronto sería queimada polos franceses. Tras este feito, Taboada, xunto co oficial Andrés Caamaño trasladaríase a Corcubión para sumarse ós preparativos para rexeitar ás tropas francesas. O 23 de marzo chega a Corcubión un bote da Comandancia de Marina de Vigo ocupado por franceses: un edecán do mariscal Ney, cinco mariñeiros e catro comerciantes. Foran interceptados camiño de Camariñas, onde aínda estaban as tropas francesas, coa intención de solicitar axuda e entregar correspondencia. A situación das tropas francesas en Vigo era delicada diante do asedio popular que remataría coa liberación da cidade olívica catro días despois.

En Corcubión, despois dos últimos acontecementos, estaban convencidos das súas posibilidades e esta autocompracencia pagaríana moi cara. O comandante Lapido reuniu parte da súa informal tropa en tres emprazamentos: un en Ponte Olveira, outro en Baíñas e outro máis ó norte, en Vilastose, co fin neste último caso de ter controlada á patrulla francesa que quedara en Camariñas a primeiros do mes de marzo.

Os franceses, coñecedores deste movementos, envían desde Santiago dúas compañías para reforzar Camariñas, ao que Lapido responde retirando aos seus improvisados soldados de Vilastose a Bermún (Pereiriña-Cee). O 31 de marzo, as tropas francesas acantonadas en Camariñas abandonan a vila, reclamadas para outras frontes máis activas. Na súa retirada, o xeneral xefe do estado maior do mariscal Ney, Antoine-Henri Jomini, advírtelle a Lapido para que desfaga a alarma, xa que do contrario volverían para queimar e saquear as vilas, como así sucedeu. Por desgraza, a xunta de defensa desprezou esta ameaza, que tan funestas consecuencias tería para as vilas de Cee e Corcubión, así como para outras aldeas emprazadas no Camiño de Santiago á nosa comarca.

A fragata «Loire»

O 8 de abril chega a Corcubión a fragata inglesa Loire co ansiado armamento que consistía en máis de 3.200 fusís, gran número de cartuchos (de fusil e canón), pistolas, sables e picas, facendo entrega de todo este material o veciño da Coruña Benito Sierra. Feita a descarga, regresa no mesmo buque a Inglaterra en busca de máis material para a guerra mentres fóra da ría, preto de Fisterra, segue fondeada a Endymion para prestar auxilio á poboación, en caso de ser necesario.

Comezaron a repartir as armas en Bermún, reforzando tamén ós que estaban nas avanzadas de Ponte Olveira e Baíñas. Tras a retirada francesa de Camariñas, Taboada, que acababa de chegar de Muros, logra requisar na vila dos encaixes unha corveta francesa así como un pequeno barco portugués con mercadorías varias como azucre, bacallau? Para poder levalo a cabo, Taboada contou coa inestimable axuda da fragata inglesa Endymion , especialmente do segundo tenente, o oficial Charles Thurston, e de 200 paisanos. Neste intre, en vésperas da primeira expedición de castigo a Cee e Corcubión, a xunta de defensa atópase enchida e convencida de poder facer fronte ós franceses. Teñen abondosos medios materiais e humanos e desde a súa constitución tiñan acadado pequenas vitorias (lembremos o episodio do edecán de Ney e esta requisa en Camariñas).

Dentro dos medios hai que citar: 3.500 homes (que non soldados, e este foi un dos erros máis graves da xunta, tendo en contra ademais que esta cifra debeu ser moito menor na realidade), preto de 4.000 fusís, 500 barrís de municións, catro lanchas canoneiras comandadas pola axudante de Mariña de Corcubión, Manuel Barruti; dous canóns: un en Ponte Olveira e outro e Baíñas; tres canóns máis sacados do castelo corcubionés do Cardeal e dous máis montados en carros tirados por bois, estes a cargo da tropa mandada por Pizpiero.

Tiña ademais a xunta gran cantidade de víveres, gando, gran e cartos, xa que os ingleses cederon 20.000 reais e aos franceses que viñeran de Vigo requisáranlles máis de once mil. Ademais de Lapido, Pizpiero, Caamaño e Taboada, hai outra figura que xogaría un importante papel na falida defensa das vilas de Cee e Corcubión. Trátase do pai franciscano Pedro Romero, comisionado por Cachamuíña, e que tras a liberación de Vigo, chegara a Corrubedo o día 8 de abril. Escapando da desfeita de Muros chega ao Pindo na noite do día 11 e alí foi onde soubo que os franceses se están a dirixir cara Corcubión.

Ponte Olveira e Baíñas

Dende o Pindo ponse en contacto con Taboada e decide dirixirse ós lugares nos que se atopaban as primeiras avanzas de soldados, é dicir, Ponte Olveira e Baíñas. Precisamente, en Ponte Olveira son capturados catro húsares e un xendarme das tropas napoleónicas que debían inspeccionar primeiramente o camiño que estaban a percorrer os dragóns na súa primeira visita de castigo. No exército napoleónico había catro tipos de cabalería: coraceiros, dragóns , húsares e cazadores. Estes dous últimos, tacticamente desprazábanse como cabalería, pero combatían como infantería. As súas accións eran o recoñecemento do terreo, a escolta e a preparación da batalla en ataques puntuais.

Mentres, os dragóns , eran o principal corpo da cabalería francesa, usados tanto en patrulla como en batalla. Estes xinetes, ao pertencer á cabalería media, combatían tanto a cabalo como a pé, e terían un papel moi activo nas incursións a Cee e Corcubión.