A curiosidade dos mozos de Baio

Luisa Gutiérrez

CARBALLO

A segunda xornada da Semana Cultural estivo dedicada ao análise de diferentes realidades sociais da actualidade

01 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os alumnos do Maximino Romero de Lema participaron na segunda xornada da Semana Cultural, que organiza dende fai catro anos o centro educativo. Onte, os mozos de Baio demostraron ter curiosidade ao seguir con moita atención os coloquios que se sucederon polo instituto dende primeira hora da mañá e nos que analizaron diferentes realidades sociais da actualidade. Os alumnos de primeiro de bacharelato e os do ciclo de Informática asistiron a unha conferencia sobre drogodependencias, que impartiron profesionais do Observatorio da Garda Civil. Os que están a piques de comezar os estudos universitarios, tiveron a oportunidade de coñecer a entidade compostelá, na conferencia A ponte entre o ensino medio e a USC, impulsada por profesionais do organismo educativo. Outra das iniciativas que acaparou toda a atención dos mozos, esta vez dos de primeiro e segundo da ESO, foi a charla que ofreceron dous membros do instituto armado de Carballo, sobre acoso escolar. A inmigración foi outro dos temas tratados polos rapaces do primeiro curso de bacharelato.

Como non podía ser doutro xeito cando se fala do Maximino Romero de Lema, as artes escénicas non puideron faltar. A compañía Caxoto interpretou De figueiras, piratas e outros cantares, e un grupo de alumnos viaxou ata Santiago para ver O Quixote.