Cando a única regra é a improvisación

José María de la Viña

CARBALLO

¡Como unha centella! O meu amigo J.R. pasaba ao meu lado como unha centella, como se tentara asasinar a alguén. ¿A ti gustouche? -dime- ¡A min nada, debo ser ben raro!

Eu rinme e díxenlle que non tiña que gustar a todo o mundo, aínda que todo o mundo de hoxe rira a cachón. Gustar. Define gustar. Admitindo a dificultade do tema, e fóra do que diga o María Moliner, eu estou convencido de que para que che guste algo precisas un certo adestramento: gústame o fútbol porque de pequeno xoguei a el, difrutei con el, e hoxe sei valoralo. Gústame o teatro porque de cativo leváronme a velo, aprendín a querelo, tamén disfrutei con el, e hoxe podo sentir cando o vexo, un maior ou menor impacto. O mesmo podería dicir da música.

Pero non me gusta o béisbol, nin o rugby, nin a loita grecorromana. E custoume moito esforzo sacar beleza, estética, harmonía da arte moderna. Pero teño visitado moitos museos, e lido moitas cousas sobre ela. Hoxe valóroa e disfrútoa, aínda que fora un esforzo tardío, xa dentro da miña madurez (que non senectude). De modo que segundo como cada quen recibira a súa educación, conforme foran ensinados (especialmente no seo da familia), así ponderará cada un o que ve e oe. Logo hai que ter en conta coma se un prato de comida fose, que as apreciacións dunha obra están feitas dun conxunto de sabores, olores e colores. O conxunto dos cales faime dicir me gusta-non me gusta . E todo este palique vén a conto, non só polo meu querido amigo J.R., que non deixa de ser un extremo da estatística que se supón na curva/gráfica do gusto , senón por aqueles que día a día martirízanme coa famosa pregunta «¿gustouche?», escandalizándose se na miña crítica oficial non coincido coa súa opinión. Deixádeme ser eu; deixádeme que vos conte cada obra unicamente como iso: como a miña opinión. Que nin é absoluta, nin irrefutable, nin sentenciosa. É só como eu a vexo, segundo a miña formación e por tanto coa miña sensibilidade. E falando, por fin, do que nos toca teño que dicir que ¡vaia machada!: «Ímosvos facer unha obra de teatro co texto que vós queirades. ¡Hala, veña!, facede as vosas propostas».

Unha vez máis, L'Om Imprebís preséntase a pelo sen decorados, sen case nada: dous actores, un director que está no escenario, e dous músicos im-pre-sio-nan-tes que xa desde o comezo quentan ó respectable, e déixano preparado para o que vai vir. E o que vén son as machadas: un actor colle un dos papeis que hai nun saco onde previamente cada quen do público, escribiu unha proposta de tema. Unha vez elixida e lida, os dous actores reúnense co director nun curruncho do escenario durante trinta segundos preparan o sketch; mentres tanto os dous supermúsicos (un batería-teclista e un guitarrista-cantante) deléitanos coas súas propias improvisacións musicais e textuais. Se están a inventar o que fan, non sei como demo se apañan para atinar o ton seguinte co que o outro vai seguir na súa melodía, claramente ao chou.

A improvisación é a única regra principal (tamén para os músicos). Nunca tal vira no eido do teatro. Cousas semellantes si. Pero tal descaro e risco nunha posta en escena... É como un reto, aínda que logo te deas de conta que a súa intelixencia e experiencia prevé algúns dos temas, como coido que foron o caso da crise económica, e a caída da bolsa. Neste último xa tiñan mercada unha bolsa con galletas da Dulcería Vella «que ten diante un gran túnel...» (gargalladas do público: recoñecemento do sinal; comprensión; valoración final).

En total sacáronse dez papeletas, algunhas moi comprometidas como a primeira das Minusvalías (o guitarrista luciuse coa súa improvisación), ou o do accidente de coche que habilmente derivaron ao das dúas famosas. Sorprendente. Irrecoñecibles cos de onte (mesma compañía). Un novo estilo, avalado por un millón de representacións. Tódolos sketchs foron moi meritorios; e se teño que quedarme con algún direi que os que máis me gustaron foron os de Adolescentes e Pais ..., e sobre todo o 7, 8, 9, 10, ¡cotosú!, onde os actores souberon sacar un agudo teatro do absurdo ó mesmo nivel que o espectador que lle escolleu o título. O que menos, o derradeiro: Erección . Taoutra.