«Se hai algo que non tolero é a inxustiza»

La Voz

CARBALLO

Na traxectoria de José Manuel Cundíns tamén houbo espazo para outras actividades.

-Tamén tivo algo de contacto co mundo da xestión.

-Máis exactamente, eu son graduado social, o que agora se chama Relacións Laborais. O cal, no fondo, non deixa de seguir na mesma liña que estou explicando: levar temas de seguros, como teño feito, é tamén unha cuestión social, de prestación de servizos necesarios para a xente. Trátase de educar á xente para que se coide, para que se reclame, para que non a enganen e para que a respecten. Se hai algo que non tolero é a inxustiza.

-A súa liña é a de axudar aos demais, polo que se ve.

-Sempre. Ese foi, e espero que siga sendo, o meu lema. Pero iso tamén teño que agradecerllo aos meus pais e, en parte, á sociedade. Ela é culpable de moitas cousas malas, mais tamén dalgunha moi boa. Esta é unha delas. Estou moi contento con todo o que fixen ata o de agora: sempre procuro quedarme co positivo e, do negativo, aprendo para non volver a equivocarme.

-¿Quédalle moito por facer?

-Moitísimo. Procuro non ter tempo libre e mesmo estou pensando en matricularme en Antropoloxía Social e Cultural na UNED. Se realmente puidera poñer en práctica todo o que me queda por facer, chegaría ata os 200 anos polo menos. Teño escrito un artigo que titulei Xubilacións xubilosas. E iso é precisamente o que sinto: é un momento feliz, de xúbilo, un punto e seguido e non un punto e aparte. Sempre seguirei estando coa xente, que é verdadeiramente o que a min máis me gusta.

-Iso é o que fai ser persoa querida.

-Sei que o próximo 3 de outubro os meus compañeiros de profesión me fan unha especie de homenaxe en Guitiriz. Estou moi contento, non só por ser unha mostra de cariño, senón porque calquera motivo é bo con tal de encontrarnos.