A mesma filosofía de traballo, o amor á terra e a maxia da música unen a Luar na Lubre coa Carballeira
02 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A de Luar na Lubre será unha das actuacións estelares de hoxe na Carballeira de Zas. Pero a implicación do grupo co festival xa vén de moi atrás, tal e como conta Bieito Romero, encargado da gaita, o acordeón e a zanfona do grupo.
-Teñen actuado xa outros anos na Carballeira. ¿Este será especial por algún motivo?
-Este debe de ser o cuarto ano que actuamos. Para nós a Carballeira de Zas é unha das festas máis especiais, é coma xogar na casa. E o feito de que fóramos invitados nunha data tan especial, como son os 25 anos de celebración, pois é todo un luxo.
-En Zas será o primeiro ano que actúen con Sara Vidal como voz feminina.
-Si, na Carballeira será a primeira vez. Nos outros lugares está tendo unha moi boa aceptación porque Sara é sorprendente. Rosa Cedrón creaba moitas expectativas, pero Sara sorprende porque canta de corazón e sentíndoo. Acoplouse moi ben ao grupo e a xente responde aínda mellor.
-«Luar na Lubre» conta con 22 anos, a Carballeira con 25. ¿Poderíase atopar algún paralelismo entre a traxectoria do grupo e a do festival?
-A filosofía de traballo tanto na Carballeira como no noso grupo, nacido no 1986, é a mesma e é o que nos dous casos queremos manter. Por outra banda, tanto o festival como o grupo están consolidados e os dous se caracterizan polo seu apego á terra, por ser unha festa de raíz. O lugar de celebración tamén é máxico, unha carballeira, e Lubre, parte do noso nome, é a denominación dun lugar semellante. É moito o vencellamento afectivo de Luar na Lubre coa Carballeira de Zas.
-Ten dito que houbo un boom da música galega. ¿Teme que ese boom se poida acabar?
-Si, de feito, xa perdeu moita forza. Unha cousa é como o percibimos nós dende Galicia e outra é velo dende fóra. Hai grupos que están triunfando no exterior, pero aquela forza esvaiuse porque non soubemos aproveitar aquel tirón e porque nunca tivemos apoio de ningúen.
-¿Que se fixo mal?
-Por parte dos músicos, a tremenda desunión entre eles, as envexas. Quérese apurar moito cando habería que empezar dende abaixo. E, por parte da Administración, que non fixo nada, non soubo estar á altura das circunstancias para crear unha plataforma ou movemento de calidade.
-¿Que é o folk para Galicia?
-Unha das súas señas de identidade. Xunto co idioma, a música folk é a música do noso pobo. Hoxe falar de música folk galega no exterior xa é falar de algo. Despois da catedral de Santiago é o máis identificativo.
-¿E Luar na Lubre para o folk?
-Iso debería dicilo o noso público, pero penso que estamos profesionalizando esta música. Somos unha banda case que lonxeva e desexaría que nun futuro se nos chegase a ver como unha marca de referencia no folk galego, un grupo que fixo historia.