Romaría a base de fe e tradición

CARBALLO

Varios centos de asistentes convertiron a Soandres, localidade larachesa, nunha das citas máis concurridas da comarca

30 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Se a de Santa Margarida de Muíño, en Zas, foi sempre unha das principais romarías do verán, a de Santa Marta, en Soandres (A Laracha) non ía ser menos. A localidade vén de vivir unha intensa xornada na que non faltou ningún dos ingredientes básicos para facer dela unha das festas máis concorridas da comarca: misas a cada hora dende as nove da mañá, misa solemne, misas vespertinas e, por suposto, moita celebración, da man da orquestra Ciudad Cristal e Olympus.

As ringleiras de automóbiles á entrada do pobo anunciaban a proximidade do lugar de celebración e a grande afluencia de xente. Os máis cómodos, nas proximidades da igrexa, tiñan á súa disposición aparcamentos dispostos a tal efecto, para o que había que aboar unha módica cantidade. E, efectivamente, o mosteiro de San Pedro de Soandres volveu a reunir, nesta nova edición, a centos de devotos que, uns dentro e outros fóra da igrexa, seguían a misa solemne. Seis sacerdotes foron os encargados de oficiar a cerimonia, entre os que estaba Manuel Mallo Mallo, párroco da localidade. No interior do edificio, xente de tódalas idades. Un dos momentos de maior expectación e barullo foi o da procesión. Dende o mosteiro ata o cruceiro, santa Marta, santa Lucía, san Pedro e San Antonio foron levados a ombros por homes e mulleres, co ruído de fondo dunhas bombas que non eran máis que outro símbolo da tradicional romaría. Completando a comitiva, centos de seguidores de Santa Marta, ou tal vez, da festa.

Unha feira

Tadicionais postos de rosquillas, churros, de roupa, calzado, xoguetes... e mesmo as sabedoras cereixas da zona. Nada disto podería faltar, e non faltou, onte en Soandres.