Ovicepresidente Quintana gústame cando fala dende os adentros. Cando di que a cousa do Gaiás é unha barbaridade inventada por outros e que pensou derrubala. Talvez non o entendería a cidadanía, pero tampouco entende a cidadanía que o monstro de Gaiás siga crecendo sen un claro obxectivo. Que creza a Cidade da Cultura, impropia de Nós, kafkiana. Eu contaría a Quintana a miña particular visión das obras de Kafka. Porque a maioría confunde a Kafka co absurdo e a maioría, como tantas veces, equivócase. Kafkiano significa que os condicionantes exteriores son tan poderosos, esmagadores, que destrúen os condicionantes internos do ser humano. Os interiores non contan, non valen. Os personaxes de Kafka están sometidos a unha realidade que os apreta, succiona, anula. Non aman nin desaman, contemplan como o correr da actualidade (o presente) afoga as súas ansias e expectativas. Eu estimo a Quintana dende sempre, cando falaba máis a miúdo dende os adentros. Na entrevista que La Voz publicou o domingo observei ao Quintana sentimental, co que iría a calquera parte, incluso aos actos de demolición do Gaiás. El, Nós, cargamos coa peor das cargas posibles. Un conxunto de edificios inútiles que debemos poñer en valor. ¿Pero en valor de que? ¿Como imos manter Gaiás? ¿Canto nos levará? ¿Cre Quintana realmente, como cre agora a cúpula socialista e antes a cúpula popular, que esa vai ser a verdadeira imaxe de Galicia no mundo? Galicia pode ofrecer talento, pero o talento de Gaiás non é noso. Galicia vende traballo, honestidade, cultura, innovación, enerxía... pero Gaiás parece unha obra de ociosos, de chanchullo, desculturizada, arcaica, morta. Creo que constitúe un dos erros máis graves da historia deste país. E digo o mesmo que dicía cando un gobernante soñou este tétrico mausoleo: para enterrármonos o futuro. A cultura galega non merece Gaiás. Os galegos, tampouco.