Os expertos explicaron no curso que se celebra en Carballo como se traducen os programas de ordenador
17 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O galego ten un gran aliado nas novas tecnoloxías, que poden converterse no vehículo perfecto para a súa difusión e utilización por todo o mundo. O problema é que aínda son moi poucos os programas informáticos que inclúen a lingua na súa xestación. A solución está en traducir os que xa existen e que os usuarios utilizan habitualmente. Dese traballo encárganse, entre outros os voluntarios de Proxecto Trasno (www.trasno.net), que se encargan de pasar ao galego todo software libre que hai no mundo. Diso falou onte Miguel Branco, membro de Trasno e un dos poñentes do curso de verán sobre dinamización lingüística que se está a celebrar (hoxe remata) no Pazo da Cultura carballés.
Segundo explicou, unha das maiores trabas coas que se atopan os galegofalantes é que «para as empresas traducir o software ao galego non é rendible, por iso ten que haber voluntarios e os únicos requisitos é saber algo de inglés e saber acender o ordenador».
Na mesma mesa redonda, Suso Baleato, coordinador do proxecto Mancomun.org puxo sobre a mesa as vantaxes do software libre para as empresas. Contou, por exemplo, que, segundo a Comisión Europea, o uso das tecnoloxías da información pode supor «un 40% de incremento na produtividade das compañías» e tamén poden axudar a utilización do galego entre as pequenas e medianas empresas. Esa é precisamente a misión de Mancomun.org, que distribúe programas informáticos xa traducidos ao galego. «Son ferramentas moi útiles para a normalización do idioma», indicou durante a súa conferencia, na que tamén interviron a coordinadora da Rede de Dinamización, da Consellería de Innovación, e José Ramón Pichel, director da área de tecnoloxía lingüística de Imaxin Software.?