A Costa da Morte é un xogo

CARBALLO

O presidente da Deputación presentou en Vimianzo unha especie de «trivial» con preguntas sobre a zona

12 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Organizada pola Deputación, dende hai algúns anos vense celebrando, durante os meses de xullo, agosto e setembro, a Mostra de Artesanía en Vivo no castelo de Vimianzo. Por algo, onte inaugurouse a decimoquinta edición. No acto, ademais do presidente da corporación coruñesa, Salvador Fernández Moreda, estiveron presentes o alcalde vimiancés, Alejandro Rodríguez, e o de Dumbría, José Manuel Pequeño, que tamén é deputado provincial, así como outros representantes políticos da zona.

Tras un percorrido polos oficios artesáns expostos, Fernández Moreda fomentou o xogo. O saudable, claro. E é que este ano houbo unha novidade na inauguración da Mostra de Artesanía en Vivo. Trátase dun xogo semellante ao «trivial», tal e como apuntaba o presidente da Deputación, pero con preguntas ben peculiares. En concreto, o nome é Turmas Terrae, facendo alusión a que as preguntas versarán sobre a historia, a xeografía, o patrimonio e mesmo a gastronomía dos concellos que compoñen o proxecto Turmas, a través do cal se trata de fomentar a actividade turística e a protección do patrimonio local. Baixo os subtítulos de Cada xogo, unha viaxe e Unha terra chea de vida, os xogadores terán que salvar unha serie de obstáculos e responder a cuestións como canto mide o hórreo de Carnota considerado Monumento Nacional.

E para os que vexan demasiado complicadas as preguntas ou para os que queiran deixalo para máis adiante e dedicar estes meses de verán a coñecer, non só teoricamente, senón práctica e persoalmente a Costa da Morte, unha boa porta de entrada pode ser o castelo de Vimianzo. Porque, tal e como apuntou Fernández Moreda, coa Mostra de Artesanía en Vivo trátase de recuperar oficios que se están perdendo e de facer do castelo un atractivo turístico que lle amose aos visitantes a cultura máis propia da Costa da Morte. Este ano serán dez os oficios artesáns que os visitantes poderán admirar: encaixe, artesanía do liño, cestería, sombreirería, alfarería de Buño, maquetería de barcos, platería, cantería, zoquería e artesanía en pel. En total, unhas 30 persoas traballarán durante os tres meses do verán no castelo desenrolando estas tradicionais labores da nosa comarca.

Son miles os visitantes que se teñen achegado ata a fortaleza vimiancesa en tempadas pasadas. Este ano non será menos. E máis tendo en conta que, probablemente, aqueles que se sintan atraídos polas preguntas do xogo presentado onte se achegarán ata a Costa da Morte para coñecer de primeira man as respostas.