«As aulas de informática non se fixeron para xogar»

C. S. / M. V.

CARBALLO

O Concello de Carballo celebra o Día Mundial?de Internet con dous novos obradoiros

09 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A aula de informática do Concello de Carballo prepárase para celebrar o Día das Letras Galegas e tamén o Día de Internet e do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Para festexar as datas teñen preparadas unha serie de actividades que teñen por obxectivo incentivar o emprego do galego e das tecnoloxías da información e delas falou en Voces de Bergantiños , de Radio Voz, a dinamizadora da Sociedade da Información, Soraya Suárez.

-¿A quen van dirixidas as actividades programadas?

-Hai dúas actividades, a Blogotica de Bergantiños, que está destinado ás mulleres, e despois está a actividade Continuará..., que é para o público en xeral.

-¿Que é iso da Blogotica de Bergantiños?

-Gústame moito xogar coas palabras e a Blogotica é unha mestura entre blog e botica. Ao longo do obradoiro farase un achegamento ao procesador de textos, ás procuras en Internet e, por suposto, á creación de blogs, no que se recollerán o traballo das asistentes. A intención é recoller receitas de familia, trucos útiles, remedios, consellos que elas usan na súa vida cotiá e subilas a Internet para que o resto dos veciños tamén poidan gozar de todo iso. De aí o da botica. As clases xa comezaron e tiveron moi boa acollida, así que é posible que máis adiante fagamos outro grupo.

-¿E en que consiste Continuará...?

-O obxectivo é achegar á xente ás novas tecnoloxías a través do galego. Os participantes deberán continuar unha historia, será como un conto interminable. Poderá participar tamén calquera internauta que entre no blog. As clases serán o martes, xoves e venres da última semana do mes, do 27 ao 30 de maio, de catro e media a seis e media e aínda hai prazas.

-¿Como está funcionando a aula de informática do Concello de Carballo?

-Segue tendo moi boa aceptación, como cando abriu, o problema é que, por desgraza, tivo que cambiar de horario en moitas ocasións e a xente está un pouco descolocada. Iso provoca que os veciños, en ocasións se acheguen cando a aula está cerrada para impartir algún obradoiro ou calquera outra actividade e cando está aberta igual non se dan conta e non veñen. Pese a iso está a ter moi boa acollida. O que teñen que entender os cativos é que as aulas de informática non se fixeron para xogar. Ao principio chegaban os rapaces e ocupaban todos os ordenadores e facíanse unhas colas inmensas. Pouco a pouco a cousa amainou.

-¿Que horario ten na actualidade a aula de informática?

-Neste mes o horario é: polas mañás, luns, mércores e venres, de 1.30 a 14.30 horas. E polas tardes está aberta de luns a venres, de 16.30 a 20.30 horas. Iso si, estará pechada durante os obradoiros.